Traballadoras da limpeza do Concello de Lugo inician mobilizacións para denunciar a sobrecarga laboral
Traballadoras do servizo de limpeza das dependencias municipais do Concello de Lugo iniciaron este mércores un calendario de mobilizacións para denunciar a sobrecarga de traballo que teñen que soportar, esixir condicións dignas e demandar do Goberno local que urxencia na licitación do novo contrato.
Ante o deterioro progresivo das condicións laborais e falta de solucións tanto por parte da empresa concesionaria, Lacera, como por parte do Concello, o persoal acordou en asemblea iniciar mobilizacións diante nas dependencias municipais, que se repetirán todos os mércores e venres, ás 11 horas, aínda que se non descarta incrementar as medidas de presión.
Asunción Castiñeira, da CIG-Servizos de Lugo-A Mariña, lembra que Lacera está prestando o servizo de limpeza en situación de prórroga dende o ano 2016 e a empresa négase dende hai tempo a cubrir as baixas do persoal, escudándose en que ao estar o contrato caducado non se lle aplicaron incrementos económicos e non pode afrontar o gasto das substitucións.
Pero a non cobertura das baixas, engade Castiñeira, provoca que as compañeiras teñan que asumir unha sobrecarga de traballo cada vez maior para poder prestar o servizo, que repercute na súa saúde e acaba de derivando nun maior número de traballadoras que caen enfermas.
Por iso, con estas concentracións, tamén se quere reclamar ao Concello de Lugo que licite canto antes o novo contrato "porque a situación actual é insostíbel para as traballadoras e ademais non se pode garantir o cumprimento dos protocolos de limpeza nos edificios municipais, algo esencial no contexto de pandemia no que nos atopamos".
A CIG-Servizos xa se dirixiu á Concellaría de Medio Ambiente para tratar o estado do servizo de limpeza e para reclamar que se aproveite a elaboración dos novos pregos para introducir melloras nas condicións laborais (sobre todo en materia de xornada) do persoal e que se dignifique esta actividade.