As traballadoras do comercio responden á sinatura do convenio estatal ARTE cunha nova xornada de folga

A CIG denuncia o retroceso nas condicións salariais e laborais e insta a patronal a asinar un acordo galego que protexa os convenios provinciais
Nacional - 02 Xun 2026

Mentres en Madrid se consumaba o ataque da gran patronal e os sindicatos CCOO e Fetico, as traballadoras e traballadores do comercio galego secundaron este martes unha nova xornada de folga en defensa dos seus dereitos salariais, laborais e sociais. Para visibilizar a súa xusta loita, o persoal mobilizouse na Coruña e Vigo cunha reivindicación clara: que a patronal galega asine un acordo interprofesional que garanta a prioridade aplicativa dos convenios provinciais fronte os recortes de ARTE.

Un convenio estatal promovido polas grandes multinacionais do téxtil e do calzado que significará un retroceso nos dereitos conquistados nos últimos anos a través da negociación colectiva provincial. Por iso, nas mobilizacións desta mañá en Vigo e A Coruña, o persoal instou a patronal galega do comercio a avanzar nun marco propio que protexa os convenios provinciais -tal e como xa se asinou no País Vasco- ou ben que sente negociar un convenio galego para o sector.

Con este obxectivo, as compañeiras e compañeiros, que levan dende o luns 25 cunha acampada diante da sede da CEC, acordaron continuar coa medida de presión ante o inmobilismo da patronal coruñesa xa que, ademais de ser a máis reticente a avanzar nun marco galego, tamén se nega a constituír a mesa de negociación do convenio de comercio vario que toca renovar.

Durante a mobilización, Lucía Domínguez, delegada da CIG, criticou que a patronal non teña contestado a ningunha das diversas solicitudes de negociación trasladadas pola central nacionalista e apuntou á responsabilidade que ten nesta decisión o Grupo Inditex, unha das principais impulsoras de asociación empresarial ARTE e a maior empresa do sector no país.

Retroceso nos dereitos

A xornada de folga convocouse coincidindo coa reunión fixada para ás 16 horas en Madrid, na que a gran patronal, CCOO e FETICO asinaban o texto definitivo deste primeiro convenio estatal ARTE “que para o persoal de Galiza suporá un desastre no curto e no medio prazo”. O representante da CIG na mesa de negociación, Roberto Pérez, explicou que, por primeira vez, a xuntanza se desenvolveu no SIMA “coa intención de iniciar canto antes a súa tramitación e axilizar a publicación do convenio”.

Denunciou que, unha vez publicado, este convenio terá efectos retributivos inmediatos sobre o persoal de nova incorporación, que na Coruña e Pontevedra entrará cobrando entre 2.000 e 5.000 euros menos ao ano que o persoal xa contratado; mentres que para Lugo e Ourense suporá a desaparición do complemento de antigüidade. Ademais doutros substanciais retrocesos en materia social e laboral.

A CIG dirixirase ás empresas afectadas

Apuntou que nos caso de Pontevedra e Lugo as condicións do persoal quedarían protexidas de maneira temporal polos convenios provinciais que se veñen de asinar, pero para impedir a aplicación do convenio ARTE en Galiza, a CIG dirixirase a todas as empresas afectadas nas ten representación para solicitarlles por escrito un compromiso de non aplicación do marco estatal ou cando menos que se van respectar as actuais condicións salariais, laborais e sociais.