“Traballabamos de 8 da mañá a 10 da noite incluso sen comer, ou comendo un bocata que nos daban alí”
A CIG vén de facer público un exceso de xornada de case 70.000 horas nas obras do AVE en Ourense que suman preto dun millón de euros impagados a operarios e Seguridade Social, cunha denuncia que motivou que a Inspección de Traballo de Galiza iniciara actuacións a nivel nacional, xa que as empresas implicadas pertencen ás catro provincias. Mais estes datos non poden ocultar a tráxica realidade humana que se vive nestas obras. Relatamos algúns testemuños directos recompilados pola central nos que se constatan as condicións de escravitude, explotación e falta de seguridade laboral que viviron os traballadores e as consecuencias económicas, sociais e psicolóxicas que seguen a padecer.
Varios destes operarios expresaron o seu temor a represalias, e a que o seu testemuño poida afectar a súa futura empregabilidade no sector, polo que en varios casos modificamos certos aspectos sensíbeis que poderían facilitar a súa identificación por parte das empresas.
Xurxo é un traballador galego que estivo moi pouco tempo na obra, mais que foi suficiente para sufrir a situación descarnada que se producen nestas obras. “Traballamos metendo travesas sen parar dende as 8 da mañá até as 9 ou as 10 da noite, até que eles che mandaban parar; nese tempo estabamos sen comer ou ben comiamos dentro do túnel, case sen parar, un bocata que che daban alí”.
En ocasións permitíanlles ir comer ao hotel no que se aloxaban, “pero descontábanche unha hora” de traballo do seu soldo. “Ao final botabas todo o día traballando coma un escravo, cos encargados berrando e insultando todo o tempo”. No seu caso a situación durou pouco porque “no momento que protestas ou algo, chamada inmediata á oficina e para a casa”. Mais isto non significaba que rematasen os problemas. “Cando me botaron déronme de baixa voluntaria por non presentarme ao choio, así que nin cobrei a indemnización nin sequera tiven dereito ao paro”.
Ahmed é un operario magrebí que vén de formar unha familia en Galiza. Ao pouco de asinar o contrato para as obras do AVE e tras traballar uns días, de repente deixaron de contar con el. “Cando preguntei por que non me chamaban para traballar dixéronme que uns tipos que xa me coñecían de antes lles foran dicir á empresa que eu estaba afiliado á CIG, e que en obras anteriores reclamara os nosos dereitos”. Desde entón, hai xa seis meses, non o volveron chamar.
Xoán é un técnico galego que estivo durante varios meses ocupándose de aspectos loxísticos da obra, até que decidiu marchar da empresa. “O que vivín alí era un pesadelo, o que lle fan a eses traballadores é tal cal, senón peor, do que conta a CIG na súa denuncia”. Tanto é asi que Xoán está desde entón sometido a tratamento psicolóxico. “Consecuencia desa obra desenvolvín un trastorno depresivo co que sigo pelexando a día de hoxe, e non son o único".
Non había auga nin para facer a masa; mandábannos beber do mesmo depósito no que nos lavabamos; levantei a arqueta e había excrementos
Xulio é un dos varios operarios que contactou coa CIG para denunciar, entre outras cousas, a falta de auga potábel nas obras. “Pedímola unha e outra vez, pero non nos fixeron caso; non había auga nin para facer a masa; mandábannos beber do mesmo depósito no que nos lavabamos; esa auga viña dun rexistro próximo; unha vez levantei a tapa desa arqueta e había excrementos humanos dentro”.
Xaime, transportista que tamén prestou servizos nesta obra, corrobora esta versión contando que “cando chegabas alí moitos operarios achegábanse ao camión para preguntarme se tiña auga potábel, era terceiromundista”.
Xulio e o seu equipo de compañeiros sentiuse enganado. “Mentíronnos nas condicións de xornada, e de feito empezamos sen contrato nin EPI, así que marchamos para casa”. Mais volveron chamalos e volveu traballar, até que sufriu un accidente, e un enfrontamento cun encargado de quenda que lle tirou unha pedra, e marchou definitivamente da empresa. “Facíamos 12 horas, moitas veces de madrugada, e nin nos pagaban as nocturnidades. Para cobrar sempre dependías do que decidía apuntar o encargado nos seus partes de horas; se te levabas mal con el, esquécete. Aínda a día de hoxe non firmei ningún papel.”
Outro grupo de operarios magrebís desta obra acudiron á CIG porque a empresa se negaba a darlles a roupa e as botas de traballo, pretendendo que as pagaran do seu propio peto, polo que decidiron deixar de acudir ao traballo. Nese intre a empresa tentou argallar unha baixa voluntaria, só impedida pola intervención directa do responsábel da FCM-CIG na comarca, que logrou arrincar da empresa o compromiso de entregarlles a roupa de traballo, os EPI e reincorporalos á obra de inmediato.
Traballar con medo
Manolo é un chofer sudamericano que prestou servizos no túnel de Cerdedelo, que foi precisamente o paralizado pola CIG en 2018 para denunciar a explotación e a mortalidade nestas obras. “Traballabamos 12 horas mínimo, de 8 a 8, de día ou de madrugada, máis a hora e media que nos levaba chegar ou marchar da obra”. El e o seu equipo tamén comeron bocatas todos os días, durante uns meses moi duros nos que apenas puido ver a familia que acaba de formar. “Tiña que saldar unha débeda que contraín como autónomo, e iso era o que tiña mentres non me chamaran para traballar noutro sitio”.
Manolo asegura que “traballamos con medo; os dumpers ían pola obra coma se fose unha autoestrada, e moitos choferes bebían e até se drogaban diante nosa”. No interior dos túneles as condicións eran durísimas, pola calor do verán e polo frío no inverno. “Traballabamos coa auga polos xeonllos, cun ruído estremecedor, sobre todo cando facían as voaduras; sentías vibrar a terra antes sequera de chegar o son coma un terremoto, e logo todo era fume, eu non vía a luz rotativa laranxa do camión a un metro”.
Todo por 1200 euros, pensión e coche. Mais o problema seguiría despois con Facenda. “A empresa só me retivo o 2%, e con varios pagadores, a Renda saíume a pagar case 1000 euros”. Manolo xa non aguantou o inverno, pero varios ex compañeiros relatáronlle como, por falta de quitaneves ou rodas especiais, “os camións baixaban cargados con máis de 10m3 de material, literalmente deslizándose coma un xabón por pendentes con máis dun 30% de inclinación”.
Roberto foi despedido por reclamar o que lle adebedaban. Logo de traballar uns meses na obra realizando traballos de cableado, sobre todo de noite, interesouse por se a empresa lle ía aboar as nocturnidades. Tras de bastante tempo de promesas e esperando para cobrar, ao ver a nómina descubriu que non. No momento que levantou a voz para protestar ante esta situación foi inmediatamente despedido.
Sen medidas de seguridade
Botabas todo o día a traballar coma un escravo, cos encargados berrando e insultando
Hai xa 3 meses que Pedro marchou dunha das subcontratas de Ferrovial. “Nunca traballamos menos de 10 horas e non nos pagaban as dietas nin as horas extras, pero eles si llo facturaban aos clientes”. Obrigáronlles a asinar os partes de 8 horas para poder entrar na obra e logo pagáronlles a metade do que lle correspondía. “Xa nos deixaron claro que non poderíamos reclamar porque firmáramos 8 horas, así que quedáronse cos nosos cartos”.
Sobre o absoluto desinterese da empresa polos seus obreiros, Pedro refire que “nin sequera tiñamos ferramentas. A veces nin non nos ingresaba a nómina normal, e aínda que protestaras non che facían nin caso; ao final tiña que chamar eu a Madrid [onde está domiciliada a empresa] para que me pagaran”.
Pedro alerta dos graves riscos para a saúde que lles ten provocado a actitude da empresa. “Tiñamos firmado que roupas nos ían dar, e cando chegou o inverno pedímoslle á empresa a roupa de inverno pero negáronse a nola dar. Traballamos varios días mortos de frío.” Así mesmo, a ausencia dos EPI era unha constante: “Iamos entubar sen arneses de seguridade, liñas de vida, nin redes, literalmente suspendidos sobre o baleiro. A xente andaba sen casco e ninguén dicía nada, non me explico como non houbo máis mortos”.