TPG non retirará os recursos contra a resolución de Augas de Galiza nin o ERTE, nin pedirá autorización
Este mércores, unha delegación de TPG-Ithaka, a nova propietaria de Ferroatlántica, trasladouse até Cee para facer a presentación formal e xa confirmou que non ten intención de retirar nin os recursos legais interpostos contra a resolución de Augas de Galiza de 2017 (que desautorizaba a segregación de actividades), nin o ERTE. De igual xeito, a nova dirección asegurou que non teñen obriga de presentar ningunha solicitude ou documentación na Xunta de Galiza para efectivizar a operación.
Nese acto de presentación, a maioría do comité (CIG e independentes) explicou que ten presentado diante da Xunta de Galiza unha proposta de plan de viabilidade que entenden necesario negociar para garantir a continuidade da produción de ferroaliaxes, o mantemento dos postos de traballo e que se respecta a cláusula esencial de vinculación da actividade das fábricas e da produción de enerxía.
Por parte dos membros do consello de administracións de Ithaka díxose descoñecer a existencia deste plan e non amosaron ningún interese por abordar a súa negociación, a pesar de que o comité presentou ese documento por rexistro á dirección da fábrica de Cee. "Tamén se confirmou que teñen un plan de continuidade da política empresarial seguida até agora por FerroGlobe para o complexo industrial-enerxético e de aí que non retiren nin o ERTE nin os recursos legais", alertan.
Ante estes feitos, a maioría do comité reclama á Xunta de Galiza que interveña de inmediato e lle requira a Ferroatlántica o cumprimento da legalidade vixente en relación aos dereitos concesionais, "pois o Goberno galego ten plenas competencias nesta materia e pórse do lado dos traballadores/as e da comarca implica que deba exercelas".
Concentracións semanais a partir do martes 10 de setembro
A este respecto, recordar que os traballadores e traballadoras acordaron onte en asemblea mobilizarse diante do Concello de Cee todos os martes, ás 19:30 horas, a partir do vindeiro 10 de setembro, até que se teña resposta da Xunta de Galiza á demanda do plan de viabilidade.
Non se pode esquecer que a salvagarda e tutela do interese público inherente á explotación dos aproveitamentos hidroeléctricos está inescusablemente unida á continuidade do negocio de ferroaliaxes e á non segregación das actividades de produción. Esta condición esencial da concesión é a garantía da viabilidade das fábricas e dos empregos e o seu incumprimento constitúe un motivo de extinción das concesións.
Por último, lembraron que seguen á espera de que Augas de Galiza conteste aos escritos presentados polo comité e ao informe elaborado pola UdC no que fica claro que esta operación non se pode levar adiante sen previa autorización administrativa, por moito que FerroGlobe e TPG-Ithaka se escuden en que non hai cambio de titularidade da concesión, senón que se trata dunha compra do 100% do capital.