Tomás Fernández Couto, imputado a raíz dunha denuncia presentada pola CIG na Fiscalía en 2012
O sector da Autonómica da CIG-Administración presentaba o 14 de agosto de 2012 unha denuncia perante a Fiscalía ao considerar que existía un delito de prevaricación por parte do Secretario Xeral Técnico da Consellaría de Medio Rural e do Mar, Francisco Xosé Vidal-Pardo Pardo, do Secretario Xeral de Medio Rural e Montes, Tomás Fernández-Couto Juanas, da mesma Consellaría, e da propia Conselleira, Rosa Quintana, en relación á contratación e adxudicación as empresas Inaer e Natutecnia, do servizo de helicópteros e as brigadas helitransportadas.
Transcorridos cinco anos desde aquela e tras das críticas recollidas nun Informe do Consello de Contas por esas contratación, o Xulgado de Instrución nº 3 de Santiago de Compostela (tras derivar o asunto á Fiscalía) vén de actuar e imputa o Secretario Xeral de Medio Rural e Montes, así como o secretario xeral técnico e mais o subdirector xeral de Prevención e Defensa contra os incendios forestais da devandita Consellarái da Xunta.
En xuño de 2012, o sector da Autonómica da CIG-Administración alertaba da intención da Consellaría de Medio Rural de privatizar as brigadas helitransportadas do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais (SPDCIF). Aseguraba ademais que, pola información á que tiveran acceso, a Consellaría estaba a preparar un contrato para que unha UTE, formada por Natutecnia e Inaer, se encargase das brigadas helitransportadas e os helicópteros.
Finalmente o contrato foi outorgado por nin máis nin menos que 6,6 millóns de euros, fóra de todo procedemento legal previsto.
Evidente conduta delictiva
Diante disto a CIG-Autonómica valoraba que existía, neste caso, unha evidente conduta delictiva, do momento no que dous meses antes xa se coñecían os adxudicatarios, violando así o principio de igualdade, cando aínda non se fixera pública a convocatoria.
Xunto a isto denunciábase o sobreprezo que suporía isto para as arcas galegas porque comparando cos custos que supuxera a contratación de helicópteros e das brigadas helitransportadas en anos anteriores, a hora unitaria de voo nos helicópteros estaría saíndo a 2.400 €, cando o prezo de mercado era de arredor de 1.000.
Precisamente por iso tamén se solicitaba da Fiscalía que se investigue se había algún incremento patrimonial das persoas implicadas nestes contratos ou das persoas do seu entorno familiar.
Unha boa noticia
A CIG tiña daquela constancia de que 13 helicópteros da empresa INAER e 10 cuadrillas da empresa Natutecnia estaban traballando nas tarefas de extinción de incendios, sen ter constancia formal algunha, cando antes o persoal era seleccionado directamente polo servizo de prevención de incendios da Xunta, por Seaga ou por Tragsa. Por iso consideraba “insólito”, que se contratase a unha empresa privada para as cuadrillas de incendios. “Que nós fosemos quen de avanzar ese dato dous meses antes quere dicir que estaba máis que amañado”.
O procedemento negociado sen publicidade é para contratos de menos de 100.000 €. Neste caso, e segundo naquel intre declarara Rosa Quintana, ascendía a 6,6 millóns, o que tería obrigado a darlle publicidade no DOG, no Boletín das Comunidades Europeas e máis na Plataforma de contratación da propia Xunta de Galiza.
Para a CIG é unha boa noticia que aínda transcorrido todo ese tempo, hoxe se investiguen esas contratacións e o seu principal responsábel, o secretario xeral de Montes, Tomás Fernández Couto.