Todos (ou case) á dereita
Non se derroga a contrarreforma laboral do PP: cambios normativos menores, poucas melloras a favor dos traballadores, e probabelmente se vaian manter os niveis de precariedade, en contra do que repite a ministra Díaz
Hoxe en día, na maioría de países occidentais desenvolvidos, e non só, as ideas, o discurso, o relato da dereita (tamén a máis extrema) ocupan todo o espazo (ou case) de reflexión e discusión ideolóxica e política. E a gran maioría da esquerda oficial política e sindical xa só se move neste ámbito. Aínda quedan, porén, algúns grupos políticos, sindicais e movementos sociais que manteñen acesa a chama do anticapitalismo, o republicanismo e o socialismo, que hoxe son tamén feministas e ecoloxistas radicais. Todo isto, nun momento de crise estrutural do capitalismo, de inestabilidade económica, frustracións populares, máis desigualdades, antagonismos sociais e pánico identitario. E cando a intensidade da crise parece insuperábel no marco das normas establecidas de dominación política. En palabras de Gramsci, hai unha crise de hexemonía das clases dominantes. Aínda así, as clases subalternas tampouco teñen a estratexia, a forza e a organización para cambiar a situación. Un momento -de novo Gramsci- no que poden xurdir os monstros como o fascismo, que non é incompatíbel co capitalismo, senón que está ao seu servizo.
Poderíanse poñer moitos exemplos, pero centrarémonos só en tres. Primeiro, a Unión Europea (UE). Desde a crise de 2008, e máis coa aparición da COVID-19, a UE entra nun período de inestabilidade económica, crise ambiental e enerxética e tamén democrática (aumento do autoritarismo e o centralismo, menor soberanía popular). Neste marco, e mesmo antes (fracaso do programa do primeiro goberno Mitterrand a principios dos anos 1980, colapso da URSS e países satélites), a esquerda oficial pensa que o progreso social só é posíbel na UE. Malia que, en contra do previsto, hai unha diverxencia crecente entre os países que forman parte, cunhas estruturas económicas e sociais moi diferentes, esta esquerda non quere recoñecer que a crise da zona euro e as políticas de austeridade son consecuencia da estrutura propia da UE e do euro, como mostrou, entre outros, Costas Lapavitsas no libro A esquerda contra a Unión Europea.
Ao contrario, esta esquerda teima en dicir que hai que loitar contra o neoliberalismo, impulsar a integración, máis federalismo, “máis Europa”. Sen o neoliberalismo, din, poderíase promover a solidariedade nacional e obreira na UE e, polo tanto, as súas institucións téñense que defender en nome do internacionalismo, criticando as políticas neoliberais. Porén, a UE e o euro son unhas estruturas e institucións organizadas en interese do capital e en contra do traballo a partir dun neoliberalismo implacábel. E como indicou Lapavitsas “todas as reformas que se produciron na UE deron máis forza ao statu quo... Non se poden facer en beneficio dos traballadores. Isto é unha cousa que esta esquerda non quere aprender”. Non analizan que unha verdadeira política de esquerdas na UE ten que se basear en dar máis poder ao traballo en relación co capital, recuperando a soberanía nacional e popular, avanzando nunha perspectiva socialista e internacionalista a todo Europa. A esquerda oficial xoga no espazo ideolóxico e político que lle marca a dereita.
Segundo, afúndense os alicerces da democracia coa desaparición dos contrapoderes e as institucións intermedias, a recentralización, o aumento das desigualdades e a discriminación sistémica dos máis vulnerábeis, a diminución da confianza nos representantes políticos, sindicais, a xustiza e os medios de comunicación; o afastamento das clases populares da vida política ou sindical, que se demostra na crecente abstención da súa participación, etcétera. A reacción das elites e dos que teñen o poder real é a diminución das garantías fundamentais do estado de dereito, o mantemento da orde e o aumento das leis represivas.
É a dereita a que empeza a dicir que “a seguridade é a primeira das liberdades” a partir dunha confusión interesada entre o que significa a sûreté (protección ou garantía), recollida no artigo 2 da Declaración dos Dereitos do Home e dos Cidadáns de 1789 (que é a protección de calquera persoa contra a arbitrariedade do Estado, o seu dereito a non ser molestado ou arrestado sen unha culpabilidade demostrada por infrinxir a lei), e a sécurité (seguridade). Pasando da sûreté á sécurité prodúcese un desprazamento da protección dun dereito individual da persoa, á protección da orde pública e a orde social. E esta concepción e outras medidas represivas baseadas na seguridade serán progresivamente adoptadas pola esquerda oficial. Así é como se chega á situación actual cualificada como a democracia iliberal ou o liberalismo autoritario.
A sociedade segura é o obxectivo fundamental, xa que dereita e esquerda pensan que “a seguridade é a primeira das liberdades”. Coa pandemia hai unha acumulación de estados de excepción, máis mobilización policial ou do exército. A xustiza está colapsada, perde prestixio, tende a defender e protexer as violencias policiais. Pásase da prevención á represión e xustifícase a “tolerancia cero”. Hai unha criminalización progresiva dos militantes que están contra o réxime ou o sistema (Gilets Jaunes [chalecos amarelos] no Estado francés, independentistas en Catalunya, por exemplo) e pásase da loita contra o terrorismo ao dereito penal do inimigo. Finalmente, chega o predominio da vixilancia e o control numérico, coa colaboración das grandes empresas tecnolóxicas (GAFAM), que se podería converter nunha tecno-ditadura que lembra moito a 1984 de Orwell.
Terceiro, a reforma do mercado de traballo do goberno español co apoio das patronais e dos sindicatos maioritarios (CCOO e UGT). Unha reforma que recibiu o apoio de case todo o resto de poderes fácticos (a Comisión Europea, a FAES de Aznar, entre outros). O punto de partida era: “Derrogaremos a reforma laboral. Recuperaremos os dereitos laborais arrebatados pola reforma laboral de 2012”, segundo o acordo de goberno PSOE-UP de 30 de decembro de 2019. Segundo o sindicalismo transformador e algúns expertos, particularmente o avogado Vidal Aragonès, o decreto lei aprobado polo goberno non é realmente unha reforma.
Mantense o despedimento como antes nas empresas privadas: indemnización de 33 días por ano traballado cun tope de 24 meses, sen salarios de tramitación e sen a autorización administrativa polos despedimentos colectivos. Non cambia nada no que atinxe á posibilidade das empresas de modificar, individualmente ou colectivamente, case todas as condicións de traballo substanciais. Non se derroga a “non ultraactividade” dos convenios, pasado un ano desde a denuncia hai que usar os procedementos de mediación vixentes e mantense a non ultraactividade se non hai acordo. Elimina a preferencia do convenio de empresa respecto ao do sector en canto ao salario, pero non polas condicións de traballo. Non hai novos límites aos subcontratos de obra e servizo, só unha preeminencia do convenio de empresa sobre o do sector. Redúcense as garantías na tramitación dos ERTE e cun período de consultas de cinco días poderanse prorrogar.
Ademais, poderase usar o contrato a tempo parcial nos de aprendizaxe e formación. As ETT poderán xestionar contratos fixos descontinuos. Elimínase o contrato de obra e servizo, pero á vez poderá haber un contrato formalmente indefinido, que na práctica será temporal, xa que se poderá extinguir se non hai recolocación. O contrato de interinidade por substitución é máis precario, porque a prestación do servizo poderá empezar ata quince días antes da ausencia da persoa substituída. O novo contrato formativo e o de prácticas teñen elementos tanto a favor dos traballadores como favor da empresa. O novo contrato eventual limítase a seis meses, unha mellora que aínda así regala noventa días de tarefas previsíbeis e pódese utilizar para substituír vacacións. Crecen os límites para encadear contratos, aínda así, non está claro que baixe a temporalidade que depende sobre todo dos custos e as garantías do despedimento.
En definitiva, non se derroga a contrarreforma do PP: cambios normativos menores, poucas melloras a favor dos traballadores, e probabelmente se vaian manter os niveis de precariedade, en contra do que repite a ministra Díaz. O sindicalismo transformador insiste na non derrogación da contrarreforma do PP de 2012 (nin a do goberno Zapatero de 2010), que os convenios sectoriais acordados nos diferentes territorios continuarán subordinados aos convenios estatais, que o goberno se pregou ás esixencias de Bruxelas e á súa chantaxe para acceder aos fondos europeos e que a súa prioridade estivo en atraer a patronal ao acordo, o que supuxo unha reforma que responde basicamente aos seus intereses, coa aquiescencia dos sindicatos do réxime. Un importante deputado de UP no Congreso fixo, hai pouco, unhas declaracións que o confirmarían: “Este acordo pódese mellorar con emendas, pero alertamos do risco de que o acordo coa CEOE rompa”.
[Artigo tirado do sitio web catalán Directa, do 10 de xaneiro de 2022]