Todos os centros educativos terán unha avaliación de riscos de hoxe a setembro de 2024
A Consellaría de Educación vén de confirmarlle á CIG-Ensino, na última reunión do Comité Intercentros de Seguridade e Saúde Laboral (CISSL), que o contrato polo que se adxudicou a avaliación de riscos de todos os centros educativos, tal e como demandaba a CIG-Ensino, poñendo en cuestión o incumprimento da Lei de Prevención de Riscos Laborais, foi adxudicado o pasado 20 de abril. A medida deriva da presión e das denuncias da CIG-Ensino perante a Inspección de Traballo do ano 2020.
Deste xeito, serán avaliados 1.033 centros durante os anos 2022, 2023 e 2024, tendo programado rematar en setembro do 2024. Todos os centros das provincias de Lugo e Ourense,por teren menor número que Pontevedra e Coruña, estarán avaliados nun ano e medio.
Neste ano 2022, a empresa adxudicataria ten o compromiso de facer a avaliación en 335 centros. A avaliación comeza hoxe, 24 de maio, no CRA de Teo e estenderase no que queda de ano aos restantes centros. A diferenza de centros a avaliar é moi substancial se temos en conta que antes da denuncia da CIG-Ensino, no ano 2020, foron tan só 20.
Con todo, e tendo en conta a altura do curso na que estamos, a CIG-Ensino pon en dúbida que o obxectivo dos 335 centros deste ano poidan levarse á práctica no prazo fixado. O sindicato fará un seguimento dos centros avaliados para poder contrastar que, máis alá dos que se dean feito este ano, os prazos da adxudicación (até o ano 2024) se cumpran e contemos con avaliación de riscos en todos os centros e que esta se adapte á diferente tipoloxía de centros e as funcións que tanto persoal docente como non docente desempeñamos.
A este respecto, chama a atención a rebaixa moi importante sobre o inicialmente orzamentado pola Xunta: se o concurso prevía un máximo de 1.700.000 euros máis IVE, a licitación foi finalmente por un importe de 915.000 máis IVE. Esta rebaixa, pola información de Educación, non foi exclusiva da empresa que gañou o concurso senón de todas as participantes. A CIG-Ensino agarda que esta diferenza tan grande non redunde nun déficit na calidade do servizo. Este será tamén un dos aspectos nos que prestará especial atención.
A vixilancia da saúde ten que mellorar
No referido á vixilancia da saúde do persoal docente, con recoñecementos médicos anuais para todo o profesorado logrados tras as denuncias xudiciais presentadas no seu día pola CIG-Ensino e que levaron a sentenzas favorábeis do TSXG e do Tribunal Supremo, segue a insistir nas trabas que a empresa pon para a súa realización: poucas sedes, pouco persoal ou poucas citas de consultas específicas como xinecoloxía. O sindicato xa foi crítico no seu momento coa decisión da Consellaría de deixar o coidado da nosa saúde nunha empresa privada e segue insistindo na necesidade de mellorar o servizo.
O sindicato insistiulle á Consellaría que para anos seguintes se especifique dentro do apartado "docente" se é de educación infantil, educación física ou docente nun CEE ou outras etapas educativas que se considere, tal e como se fai nas distintas especialidades de FP, revisando cando proceda, cuestións específicas en función dos postos de traballo ocupados, algo básico desde a perspectiva da protección dos riscos laborais.
A gran eiva neste sentido segue a ser a inexistencia dun catálogo de enfermidades profesionais, algo que a CIG-Ensino leva demandando desde hai anos ás diferentes administracións con competencias no tema.