Todas as organizacións sindicais do SERGAS reclaman “máis emprego, de mellor calidade para unha sanidade pública digna”

Convocan concentracións o día 3 nas áreas sanitarias e manifestación o 10 en Santiago
Compostela - 01 Mar 2016
CIG, CCOO, UGT, CSI-F, CESM-Omega, SATSE e máis SAE anunciaron esta mañá, en rolda de prensa, a convocatoria de concentracións en todas as áreas sanitarias o día 3 de marzo e unha manifestación en Compostela, o día 10 de marzo, con saída ás 11:00 horas de diante da explanada da consellaría de Sanidade, en San Lázaro, para denunciar a OPE que vén de ser convocada, a eliminación de postos de traballo e a precariedade laboral que se está a dar no SERGAS. Unha política laboral que está afectando á prestación deste servizo público básico por mor da falta de persoal.

Segundo explicaron, un dos potenciais máis importantes da sanidade pública é o seu persoal. Para ter uns servizos públicos de calidade, precísase persoal cualificado e suficiente. Porén, denunciaron que “o goberno do PP, pola contra, está a facer todo o posíbel para reducir este capital humano á mínima expresión, eliminando ano tras ano, postos de traballo na sanidade pública”.

Lembraron que entre os anos 2010 e 2014 a taxa de reposición foi do 10%, ou sexa, que de cada 10 traballadores/as xubilados/as só se cubría unha praza e que no ano 2015, a taxa de reposición foi do 50% das vacantes producidas ese ano.

Sinalaron que neste ano -2016- a taxa de reposición anunciada é do 100% das vacantes do ano anterior o que, matizaron, non implica que se dea cobertura a todas as prazas que se perderon nestes anos. A este respecto subliñaron que “esta taxa de reposición non se está a aplicar sobre todas as prazas vacantes, senón sobre as vacantes que previamente teñen autorización para a súa cobertura”.

A isto engadiron a supresión de postos de traballo do Plan Mellora de Atención Primaria e do Plan Galego de Saúde Mental. Por iso cualificaron como absolutamente insuficiente a OPE anunciada pola consellaría, que só contempla a cobertura de 818 prazas.

Neste sentido, María Xosé Abuín, secretaria nacional de CIG-Saúde, asegurou que desde 2009 xubiláronse no SERGAS 3.000 traballadores e traballadoras e que coas ofertas de emprego público deste período máis a convocatoria deste ano non se chegan a cubrir nin a metade. Así especificou que na OPE de 2012 só se ofertaron 176 prazas de facultativos/as; na de 2013-14 205 de enfermeiras/os e 82 de médicas/os de familia; na de 2014, 104 para o resto de colectivos; na de 2015, 344 e este ano, as citadas 818.

Isto daría un total de 1.539 prazas, que non se achegan, nin de lonxe, ás 3.000 que serían precisas para garantir a necesaria calidade na atención das e dos doentes na sanidade pública.

As organizacións sindicais denunciaron ademais que, en todo caso, como esas prazas son estruturais, o que se están é cubrindo con persoal en condicións sumamente precarias, “contratos lixo de un día, días soltos, de luns a venres…, para prazas que sempre se cubriran con interinidades ou contratos pola causa que motivaba a contratación”.

Diante desta situación chamaron a atención sobre o feito de que Galiza está gastando unha importante cantidade de cartos para formar a profesionais que logo acaban emigrando por falta de emprego ou por mor dunhas condicións laborais absolutamente precarias.

Para solventar esta situación, fronte á convocatoria feita pública polo SERGAS, demandaron unha OPE para todas as categorías co 100% das prazas vacantes desde 2009 e a negociación dunha Orde de Vínculos que obrigue ao SERGAS a contratar pola causa que motiva a contratación.

Advertiron de que a supresión de postos de traballo na sanidade pública “é a ferramenta que utiliza o SERGAS para facilitar a privatización”. Denunciaron que se están destinando os cartos públicos para financiar a sanidade privada, pola vía de derivar doentes en listas de  espera ou de obrigar a aqueles/as que xa non queren agardar máis a recorrer ás clínicas privadas.

A este respecto chamaron a atención sobre a proliferación de seguros sanitarios privados, que se benefician precisamente das deficiencias do sistema público e fixeron un chamamento tanto ás galegas e galegos como ao persoal do SERGAS a mobilizarse para exixir da Xunta de Galiza unha sanidade pública de calidade, que pasa, ao seu entender, por contar co persoal suficiente para atender a demanda sanitaria existente.

CONCENTRACIÓNS

A Coruña: 11h, Rotonda do Hospital

Cee: 12h, porta principal do HVX

Santiago: 12h, entrada principal do Hospital Clínico e do Hospital de Conxo

Barbanza (Ribeira): 12h, diante da porta principal do Hospital

Ferrol:  11h, vestíbulo do Hospital

Burela: 11:30h, diante do Hospital

Lugo: 11:30h, entrada principal do HULA

Monforte: 12h, no vestíbulo do Hospital

Ourense: 11h, porta principal do CHOU

O Barco: 11h, entrada do HCV

Pontevedra: 11h, entradas de todos os centros da área

O Salnés (Vilagarcía): 12h, porta principal do Hospital

Vigo:   - 11h, Hospital Álvaro Cunqueiro: diante da Xerencia, Andar 0, Vela E

            - 13h, entrada principal do Hospital Meixoeiro