Toda guerra ten unha ruta do diñeiro
Uns días antes do ataque de Hamas, o primeiro ministro israelí Benjamin Netanyahu, no seu discurso durante o 78° período de sesións da Asemblea Xeral da ONU, que se celebra na cidade de Nova York, expuxo como o futuro de Oriente Medio nun mapa onde Palestina desaparece e o seu lugar o ocuparía un novo corredor, moi parecido, Indio – Medio Oriente, para o que se necesita a limpeza étnica palestina co fin de aproveitar o corredor
Eurasia é un termo que define unha zona xeográfica ou continente que comprende Europa e Asia unidas. Pódese considerar o continente máis grande do mundo. Ten unha área aproximada de 52 millóns de km², o que equivale ao 36.2% da área terrestre. Habítana máis de 5.000 millóns de persoas, o 72.5% da poboación mundial, posúen máis do 60% do PIB mundial e seguramente tres cuartas partes dos recursos enerxéticos coñecidos forman parte do seu activo. Zbigniew Brzezinski, no seu libro O gran taboleiro mundial, entende, e isto non cambiou desde a súa data de publicación en 1997, que quen domine Eurasia controlará dúas das tres rexións máis avanzadas e economicamente produtivas do planeta, o que por descarte suporía a subordinación de África.
O mapa que incluímos deixa fóra a Europa, diso encargáronse terceiros, como veremos. Mais se se mira con coidado, existe un grande ausente á vista, un xogador importante que en todos os mapas que miremos estará agochado, os Estados Unidos. Se os estadounidenses non están, alguén os representa neste xogo do Medio Oriente, de vías navegábeis, rutas, trens e canais, onde só por un canal, a de Suez, pasa o 12% do comercio mundial, uns 18.000 barcos ao ano. O representante estadounidense no medio Oriente é Israel, así que comecemos este xogo de acordos, estratexias e guerras, onde nada é casual, só hai que “seguir o diñeiro” e todo queda máis claro.
Durante case 600 anos, baixo o sistema tributario imperial das dinastías Ming e Qing, os “bárbaros” estranxeiros viaxaron a Beijing para se inclinaren ante o emperador e poder comerciar con China. Con reminiscencias daqueles tempos, unha versión moderna do antigo sistema imperial, a Ruta da seda, é de xeito evidente un poderoso desafío aos intereses estadounidenses no medio Oriente e o norte de África. En maio, 1.500 delegados de máis de 130 nacións, incluídos 29 xefes de estado estranxeiros e máis de 200 ministros, reuníronse en Beijing para o Foro bianual da Franxa e a Ruta para a Cooperación Internacional. Lanzada en 2013, a iniciativa ten como obxectivo ampliar os vínculos entre Asia, Medio Oriente, África e Europa recreando os antigos camiños comerciais da Ruta da Seda por terra (o Cinto) e por mar (a Ruta) e dividiu o mundo e Medio Oriente.
No medio da evolución das tensións xeopolíticas rexionais e a cambiante dinámica de seguridade no medio Oriente, Beijing está a aumentar os seus esforzos para ampliar as relacións económicas coas potencias rexionais e forxar asociacións estratéxicas integrais co mundo árabe. China acentuou os seus vínculos con Irán, tamén aumentou a cooperación económica cos rivais de Irán no Medio Oriente, en liña coa estratexia de equilibrio coidadosamente planeada por Beijing, profundando os seus vínculos económicos con outros países do Golfo como Arabia Saudita, os Emiratos Árabes Unidos, Barein, Qatar, Kuwait e Omán, especialmente na construción de infraestruturas, telecomunicacións, tecnoloxía e enerxía, todos eles ámbitos críticos para a ambiciosa Iniciativa da Franxa e a Ruta de China (BRI).
Beijing tamén estivo moi involucrado en proxectos cruciais en Exipto, os chineses teñen un interese particular considerando a súa localización estratéxica e o seu potencial para servir como un importante centro rexional de fabricación e tránsito. China segue sendo o maior investidor no Proxecto de Desenvolvemento da área do Canal de Suez, que é a ruta marítima máis importante de Beijing cara a Europa. O plan para desenvolver e expandir a Ruta Marítima da Seda –que, esencialmente, conectaría China co Mediterráneo a través do mar de China Meridional, o océano Índico e o Canal de Suez– é un alicerce vital para a Ruta da seda.
O 6 de marzo de 2023, representantes de Irán e Arabia Saudita reuníronse en Beijing para manter conversas con China de mediadora. Catro días despois, Riad e Teherán anunciaron que decidiran normalizar as súas relacións. Este acordo histórico ten o potencial de transformar Medio Oriente ao realiñar as súas principais potencias, substituír a actual división árabe-iraniana cunha complexa rede de relacións e integrar a rexión nas ambicións globais de China. Para Beijing, o anuncio supuxo un gran paso adiante na súa rivalidade con Washington. Se a isto incluímos os BRICS+, que manexan a enerxía mundial máis o estreito de Ormuz, o reducido espazo que conecta o Golfo Pérsico co océano Índico, por onde pasa cada día máis do 30% da produción mundial de petróleo, a disputa por Medio Oriente quedou desequilibrada.
A economía, o comercio e o investimento son os puntos de apoio do acto de equilibrio de Beijing; con todo, para continuar con este impulso é vital manter a seguridade e a estabilidade da rexión. Isto resulta difícil en ausencia dun acordo de seguridade colectivo e inclusivo sólido, o cal, como sabemos, non sucedeu. Un mes antes do décimo aniversario da Iniciativa da Franxa e a Ruta de China, lanzouse o corredor Indio – Oriente Medio – Europa, anunciado por unha galaxia de líderes á marxe da cimeira do G-20, co apoio da Asociación liderada por Estados Unidos para Infraestrutura e Investimento Global.
O proxecto do corredor de Oriente Medio prevé o movemento de mercadorías a través de colectores estandarizados desde a India até o porto de Fujairah, na costa este dos Emiratos Árabes Unidos, e logo ao porto de Haifa en Israel, a través de 2650 quilómetros de ferrocarril que pasarán por Arabia Saudita e Xordania. Xa están a funcionar uns 1.850 quilómetros de vías férreas entre os dous países e Arabia Saudita proxecta construír o tramo restante para que as mercadorías cheguen ao porto de Haifa. Desde alí, as mercadorías procedentes da India e doutros países do subcontinente, como Nepal e Bangladesh, enviaranse a varios portos de Europa, incluídos Italia, Alemaña e Francia, o maior beneficiado, Israel e o seu porto de Haifa, pero falta algo máis aínda.
Uns días antes do ataque de Hamas, o primeiro ministro israelí Benjamin Netanyahu, no seu discurso durante o 78° período de sesións da Asemblea Xeral da ONU, que se celebra na cidade de Nova York, expuxo como o futuro de Oriente Medio nun mapa onde Palestina desaparece e o seu lugar o ocuparía un novo corredor, moi parecido, Indio – Medio Oriente, para o que se necesita a limpeza étnica palestina co fin de aproveitar o corredor e formar un nodo de gas para a golpeada Europa a través de Israel creando un canal que rivalizaría co Canal de Suez de Exipto, executando un antigo plan israelí chamado o Proxecto do Canal Ben Gurión, separando a Asia e, especificamente a China, dos seus logros.
Que ten que ver co 7 de outubro de 2023? Ben, dá a casualidade de que Gaza está xusto no medio do camiño proposto para un segundo canal importante na rexión, os xacementos de petróleo e gas atópanse na Franxa de Gaza, condicionar a Exipto e Xordania, e pór un cordón sanitario á ruta da seda, é unha boa idea, pero neste xogo Gaza sobra. Por iso moitos se preguntan con certa razón se houbo realmente unha falla de intelixencia tan catastrófica que significou que o ataque sorprendeu o exército israelí durmindo no traballo. En termos de acceso a tecnoloxía de escoita e defensa, probabelmente non exista un exército mellor equipado no mundo que o dos Estados Unidos, seguido polo Mossad de Israel, que se gañou a reputación de estar entre os mellores recompiladores de intelixencia e infiltrados do mundo. E, con todo, o 7 de outubro os combatentes de Hamás pasaron valos de seguridade, invadiron un festival de música e kibutzim locais e voaron en parapentes sen un só enfrontamento. Como pasou isto?
Algúns dos ataques máis brutais de Israel contra palestinos inocentes realízanse alegando a “seguridade nacional” e o suposto dereito de Israel a se defender. Se estaba a ser atacado por outro estado nación, era xusto, pero un ataque perpetrado por persoas que viven baixo a brutal ocupación militar de Israel, un grupo guerrilleiro contra un exército convencional non proporciona tal defensa legal, pero si unha xogada mestra para emprender a defensa e obter beneficios, xa planeados. Moitos cren que se previu un plan coidadosamente formulado para librar unha guerra total contra Palestina antes do lanzamento da “Operación Tormenta Al-Aqsa”.
Se a idea do canal proposta con antelación ao ataque de Hamas segue adiante, esta nova vía, cuns 292,9 quilómetros, será case un terzo máis longa que o Canal de Suez, de 193,3 quilómetros, e terá un custo estimado de entre 40 e 55 mil millóns de dólares. Quenquera que controle o canal terá unha enorme influencia sobre as rutas globais de abastecemento de petróleo, cereais e transporte marítimo a Europa. Con Gaza arrasada, os planificadores do canal poderían literalmente tomar atallos e reducir custos ao desviar o canal directamente polo centro do territorio.
O proxecto do corredor, chámese como se chame, está pensado para reducir a influencia de China no medio Oriente en xeral, e en Arabia Saudita en particular, á vez que acurta a cadea de abastecemento. Unha redución da dependencia de Europa e a India do Canal de Suez, e un acurtamento do tempo necesario para transportar mercadorías entre eles a través do novo corredor de transporte, pode ser un golpe crítico para Exipto, que tivo ingresos do Canal de Suez duns 9.400 millóns de dólares no ano fiscal 2022-2023. Para Exipto, que ten unha débeda co Fondo Monetario Internacional (FMI) impagábel, estes ingresos son “vitais”.
En decembro de 2008, as forzas israelís invadiron a Franxa de Gaza no marco da Operación Chumbo Fundido. A xustificación desta invasión foi: “as persistentes actividades terroristas e unha constante ameaza de mísiles desde a Franxa de Gaza dirixida a civís israelís”, moi parecida á actual. O obxectivo da Operación era moito máis mundano, confiscar as reservas marítimas de gas natural de Palestina, o cal se fixo, e grazas ás coincidencias divinas que envolven a Oriente Medio un ano despois da “Operación Chumbo Fundido”, Tel Aviv anunciou o descubrimento do xacemento de gas natural Leviatán no Mediterráneo oriental, “fronte á costa de Israel ou Gaza…”. Os campos de gas de Gaza son parte da área de avaliación máis ampla do Levante e, hai que sinalar que toda a costa do mediterráneo oriental, que se estende desde o Sinaí de Exipto até Siria, constitúe unha zona que contén grandes reservas de gas e petróleo.
De feito, as negociacións entre British Gas e funcionarios israelís estaban en curso en outubro de 2008, dous ou tres meses antes do comezo dos bombardeos o 27 de decembro. En novembro de 2008, o Ministerio de Finanzas de Israel e o Ministerio de Infraestruturas Nacionais ordenaron a Israel Electric Corporation (IEC) que estabelecese negociacións con British Gas para a compra de gas natural da concesión costa fóra de BG en Gaza. O Grupo BG perforou dous pozos en 2000: Gaza Marine-1 e Gaza Marine-2. British Gas estima que as reservas son da orde de 1,4 billóns de pés cúbicos, valoradas en aproximadamente 4 mil millóns de dólares. Estas son as cifras feitas públicas por British Gas. O tamaño das reservas de gas de Palestina podería ser moito maior.
Israel exporta gas a Exipto e Xordania, e converteuse nos últimos anos nun importante país produtor de gas grazas aos xacementos de Tamar, Leviatán e Karish. A produción de gas israelí ascendeu a 21,9 Bcm o ano pasado, un récord para o país, segundo datos oficiais, con Leviathan producindo 11,4 Bcm, Tamar 10,2 Bcm e Karish 0,3 Bcm de gas. Tamar é operada por Chevron, cunha participación do 25%. Os seus outros socios son Isramco (28,75%), Tamar Petroleum (16,75%), Mubadala Energy (11%), Tamar Investment 2 (11%), Dor Gas (4%) e Everest (3,5%).
Estes pozos fornecen non só a Israel senón a rexión, sobre todo a Exipto e Xordania. O maior interesado en que este masacre siga o seu curso é a Unión Europea que recibe GNL exportado por Exipto e pode seguir recibíndoo para este inverno. As exportacións exipcias de GNL no que vai de ano alcanzaron só 3,38 millóns de toneladas, en comparación con 7,1 millóns de toneladas para todo 2022, segundo mostran os datos.
Exipto ten dúas instalacións de exportación de GNL: Idku, de 7,2 millóns de toneladas anuais, operada por Shell, e a planta máis pequena, Damietta, de 5 millóns de toneladas anuais, operada por Eni. As dúas plantas considéranse clave para os esforzos europeos por obter GNL adicional, incluído o gas procedente de Israel. En xuño de 2022, a Comisión Europea, Israel e Exipto asinaron un memorando de entendemento trilateral sobre a subministración de gas israelí a través da infraestrutura de exportación de GNL de Exipto á UE.
Como se ve, as cousas son máis simples. Restrinxir a influencia chinesa no medio Oriente e tratar de xestionar o negocio do petróleo, cereais ucraínos e transporte marítimo a Europa, condicionar a Exipto e Xordania e que o mundo baseado en regras siga o das regras estadounidenses. Ucraína desapareceu do taboleiro, agora Oriente Medio e Taiwán son os emerxentes, ou vostedes cren que dous portaavións americanos no Mediterráneo son para deter a Hamas?
[Artigo tirado do sitio web El tábano economista, do 12 de novembro de 2023]