Toda Gaza é obxectivo militar
O exército israelí estabeleceu un patrón para a súa campaña xenocida. Primeiro bombardea barrios civís, logo anuncia ordes de evacuación xeral de toda unha zona, obrigando a xente destes refuxios a vivir con medo; tras dar estas ordes de evacuación, Israel bombardea os refuxios protexidos, incluídos hospitais e escolas
Cada lugar de Gaza o é. Máis de 40.000 persoas morreron polos bombardeos israelís desde o pasado outubro e 2 millóns foron desprazadas dos seus fogares. O xenocidio continúa.
É case (ou sen case) coma se o exército israelí tentase reunir o maior número posíbel de palestinos nun mesmo lugar para logo asasinalos a todos. Ahmed Abed e a súa familia fuxiron da escola de Dalal al-Maghribi a primeiros de agosto despois de que un ataque aéreo israelí os desprazase. Ese ataque aéreo matou 15 palestinos que se refuxiaron alí despois de que Israel bombardease as súas casas no barrio de Ash Shujaiyeh da cidade de Gaza. A familia chegou á escola al-Taba'een, unha escola privada cunha mesquita anexa, que albergaba a 2.500 persoas. Desde que os israelís comezaron o seu último bombardeo sobre Gaza en outubro de 2023, os palestinos refuxiáronse en escolas privadas e en escolas xestionadas polas Nacións Unidas (ONU). A ONU informa de que, na Franxa de Gaza, os ataques israelís danaron 190 das súas instalacións, a maioría delas escolas. Quedan poucos santuarios en Gaza. Estas escolas -privadas ou da ONU- son os únicos lugares que se consideraban relativamente seguros.
Ás 4:30 horas do 10 de agosto, cazas israelís sobrevoaron a cidade de Gaza e lanzaron bombas GBU-39 de 250 libras, de fabricación estadounidense, sobre a escola e a mesquita de al-Taba'een. Nese momento, un gran número de habitantes fixera cola na mesquita para ir á oración do Fajr ou do amencer. As bombas alcanzaron a xente que estaba preto da mesquita, matando polo menos 100 palestinos. Trátase dun masacre que tivo lugar xusto cando os EUA decidiron rearmar a Israel con este tipo de armas. Sarah Leah Whitson, ex directora da división de Oriente Próximo e Norte de África de Human Rights Watch, escribiu que a venda de armas a Israel por parte dos EUA o día deste bombardeo demostraba un «condicionamento pavloviano para un exército salvaxe».
Os EUA, a pesar das declaracións ocasionais sobre a retención de armas, armou sistematicamente a Israel durante esta guerra xenocida. Desde 1948, os EUA proporcionaron armas a Israel por valor de 130.000 millóns de dólares. Entre 2018 e 2022, o 79% de todas as armas vendidas (ou regaladas) a Israel procedían dos EUA (o seguinte foi Alemaña, que forneceu o 20% das importacións de armas de Israel). As vendas de armas estadounidenses chegaron en acios deliberadamente pequenos, de menos de 25 millóns de dólares por venda, para que non requiran o escrutinio do Congreso estadounidense e, por tanto, fóra do debate público. Desde outubro de 2023 até marzo, os EUA aprobaron 100 destas pequenas vendas, que ascenden a máis de 1.000 millóns de dólares en venda de armas, incluída a GBU-39. É importante saber que a bomba, creada nos EUA, foi probabelmente cargada nun caza israelí por un técnico estadounidense destacado nas bases israelís.
Un patrón de ataques contra escolas
Mahmoud Basal, portavoz da unidade de defensa civil de Gaza, dixo que os médicos que chegaron ao lugar dos feitos na escola de al-Taba'een, moitos deles xa veteranos deste tipo de violencia, estaban desconcertados polo que atoparon. «A zona da escola está sementada de cadáveres e partes de corpos», dixo. «É moi difícil para os paramédicos identificar un cadáver enteiro. Hai un brazo aquí, unha perna alá. Os corpos están esnaquizados. Os equipos médicos permanecen impotentes ante esta horríbel escena». Polo menos 40.000 palestinos morreron polos bombardeos israelís desde o pasado outubro e 2 millóns de palestinas e palestinos foron desprazados dos seus fogares.
No período previo ao ataque contra a escola de al-Taba'een, as forzas israelís intensificaron os seus bombardeos contra as escolas de Gaza que serven de refuxio. En xullo, o exército israelí atacou 17 escolas en Gaza, matando polo menos 163 palestinos. Na semana anterior ao 10 de agosto, Israel atacou as escolas Khadija e Ahmad al-Kurd en Deir al-Balah asasinando 30 palestinos (27 de xullo), a escola Dalal Moghrabi en Ash Shujaiyeh asasinando 15 palestinos (1 de agosto), as escolas Hamama e Huda en Sheikh Radwan asasinando 16 palestinos (3 de agosto), as escolas Hassan Salame e Nasser en al-Nassr asasinando 25 palestinos (4 de agosto), e as escolas al-Zahraa e Abdul Fattah Hamouda asasinando 17 palestinos (8 de agosto).
Esta secuencia de ataques contra escolas produciuse antes do bombardeo do 10 de agosto, o que demostra que existe un patrón de ataques contra civís que buscan refuxio nas escolas. O masacre de al-Taba'een é o vixésimo primeiro ataque de Israel contra unha escola que serve de refuxio desde o 4 de xullo. Ahmed Abed perdeu o seu cuñado Abdullah al-Arair no masacre de al-Taba'een. «Non hai outro lugar onde ir», dixo. «Todos os lugares de Gaza son un obxectivo».
Negacións israelís
Israel asumiu que bombardeou estas escolas, pero negou que matase civís. De feito, Israel xa non menciona lugares como al-Taba'een e Dalal Moghrabi como escolas; chámaos «instalacións militares». O exército israelí dixo que matara polo menos 20 «operativos terroristas», xa que seica afirmou alcanzar unha «activa sala de mando de Hamás e da Yihad Islámica Palestina incrustada dentro dunha mesquita». As autoridades israelís deron a coñecer os nomes de polo menos 19 persoas que, segundo afirmaron, eran altos operativos de Hamás e a Yihad Islámica.
O Monitor Euromediterráneo de Dereitos Humanos, unha organización independente con sede en Suíza, estudou as afirmacións dos militares israelís e comprobou que non se axustaban aos feitos. O persoal do Monitor foi á escola, fixo unha enquisa entre os sobreviventes e revisou o rexistro civil controlado por Israel para atopar os nomes. A «investigación preliminar do equipo descubriu que o exército israelí utilizou na súa listaxe nomes de palestinos mortos en incursións israelís, algúns dos cales morreran en incursións anteriores». As tres persoas asasinadas con anterioridade, pero cuxos nomes aparecían nas listaxes israelís, son Ahmed Ihab al-Jaabari (morto o 5 de decembro de 2023), Youssef al-Wadiyya (morto o 8 de agosto de 2024) e Montaser Daher (morto o 9 de agosto de 2024). A listaxe israelí tamén incluía tres civís anciáns que non teñen relación con ningún grupo militante, entre eles Abdul Aziz Misbah al-Kafarna (director dunha escola) e Yousef Kahlout (profesor de lingua árabe e tenente de alcalde de Beit Hanún). A lista inclúe tamén seis civís, «algúns dos cales eran incluso opoñentes de Hamás».
É abraiante que, mesmo nas súas propias declaracións, os oficiais israelís parecen inseguros sobre as súas afirmacións. O contraalmirante Daniel Hagari, do exército israelí, dixo que «varios indicios de intelixencia» mostran que había unha «alta probabilidade» de que Ashraf Juda, un comandante da Brigada de Campamentos Centrais da Yihad Islámica, estivese na escola de al-Taba'een. Pero os israelís non puideron confirmalo. Así pois, os israelís mataron 100 civís a pesar de que non estaban seguros de se o seu obxectivo se atopaba nese momento nas instalacións.
O exército israelí estabeleceu un patrón para a súa campaña xenocida. Primeiro bombardea barrios civís, enviando a xente aterrorizada a refuxios como escolas e hospitais. A seguir, anuncia ordes de evacuación xeral de toda unha zona, obrigando a xente destes refuxios a vivir con medo, xa que moitos deles non teñen os medios para abandonalos e dirixirse a outros lugares (de feito, «non hai ningún outro sitio ao que ir», dixo Ahmed Abed). Tras dar estas ordes de evacuación, Israel bombardea os refuxios protexidos, incluídos hospitais e escolas, co argumento de que son obxectivos militares. Esta fórmula aplicouse na cidade de Gaza e noutras partes da franxa.
Agora, Israel anunciou ordes de evacuación forzosa para a poboación de Khan Younis, unha cidade do centro de Gaza. Xunto a estas ordes, as forzas israelís iniciaron ataques aéreos e de artillaría no extremo oriental de Khan Younis. Agora veremos este tipo de ataques contra escolas e hospitais que son refuxios para xente desesperada no centro de Gaza, con cada edificio visto polos israelís como un obxectivo militar lexítimo.
[Artigo tirado do sitio web La Haine, do 12 de setembro de 2024]