3º xoves reivindicativo pola falta de persoal celador e auxiliar de enfermería no Hospital Abente y Lago

A Coruña - 10 Nov 2022

Traballadoras e traballadores do Hospital Abente y Lago continuaron este xoves co calendario de concentracións para reclamar da Xerencia que contrate máis celadoras/es e auxiliares de enfermería. A Comisión de Centro do CHUAC denuncia a situación límite do hospital derivada deste déficit de persoal e urxe un reforzo inmediato para garantir a calidade asistencial.

A presidenta da comisión, Lucía Peón Soutiño, explica que a falta de persoal celador provoca que haxa quendas de noite cun único/a celador/a para atender "a case 100 pacientes e que un/ha auxiliar de enfermería se teña que facer cargo de 25 pacientes dependentes, cunha alta demanda de coidados".

A Comisión de Centro subliña que as e os doentes merecen unha atención de calidade, imposíbel de garantir cando o persoal ten que traballar a un ritmo frenético. Neste senso, Peón Soutiño apunta que os e as pacientes que ingresan nas unidades do Hospital Abente y Lago soen ser de idades avanzadas, dependentes e con pluripatoloxías, polo que precisan de coidados para axudarlles a comer, erguerse, deitarse ou lavarse. "Faise polo tanto, imprescindíbel dispoñer de recursos materiais e do persoal suficiente para poder realizar todas estas tarefas e dar unha atención digna".

Este déficit de persoal está levando as e os profesionais a traballar arreo e nunhas condicións de traballo que afectan a súa saúde. Pero ademais da sobrecarga laboral e psicolóxica, provoca que os pacientes sufran atrasos no aseo, para levantarse e que pasen horas na cama sen poder darlles a atención que precisan "por non ter profesionais para realizalo".

A isto hai que sumar que "a Xerencia mantén pechada a 4º planta do hospital, o que está levando a ingresar en habitacións de dúas camas unha terceira. Isto condiciona o traballo que se realiza xa que non hai espazo suficiente para poder facelo en condicións seguras tanto para o/a paciente como para o persoal".

Por iso, a Comisión de Centro do CHUAC continuará cos concentracións semanais dos xoves mentres a Xerencia non proceda a reforzar o persoal e deixe de "aforrar a conta da saúde das e dos profesionais".

Falta persoal na unidade de raios do HUAC

Ademais, os venres están convocadas mobilizacións, ás 11:30h, na rotonda de acceso ao Hospital da Coruña, neste caso para demandar que se dote á unidade de raios con máis persoal celador e técnicas/os superiores en imaxe para o diagnóstico.