Terceiro caso positivo en covid-19 nun Gadis da provincia da Coruña, sen poñer o persoal en corentena
Outro positivo confirmado en Gadis, desta volta en Ribeira. O terceiro na provincia da Coruña e “a empresa segue actuando de maneira irresponsable e sen poñer ás compañeiras e compañeiros cos que estivo en contacto en corentena”.
Así o denuncia a representante de CIG-Servizos de Compostela, Lucía Freire, quen explica que a empresa adoptou esta medida, amparándose en que segundo o protocolo do Ministerio de Sanidade, só hai que poñer o persoal en corentena se esta traballadora coa que estiveron en contacto presentou síntomas no seu posto de traballo. “Pero Gadis di que non”, sinala.
Porén Freire pregúntase como é posible que esta traballadora fixera as probas do coronavirus se non tiña síntoma algún e como a empresa pode asegurar que non houbo durante o período de incubación, ou xa cos primeiros síntomas, ningún contaxio entre as e os compañeiros cos que estivo en contacto.
Por iso a representante de CIG-Servizos, que defende que a prevención debería ser o prioritario para Gadis exixe que se confirme con quen estivo en contacto na tenda, que se poña a este persoal de inmediato en corentena e que se proceda a facer unha desinfeccións escrupulosa de todo o supermercado.
Freire explica que, aínda que desta volta a empresa si informou á representación sindical, non tivo en conta, porén, ningunha das súas demandas. Por iso xa se presentou denuncia perante a Inspección de Traballo.
A Inspección obrigou a adoptar medidas en Compostela
Lucía Freire denuncia ademais que Gadis non informou do positivo dunha das traballadoras da tenda de Montero Ríos á representación legal das traballadoras e traballadores e tampouco adoptou medidas malia, neste caso, a traballadora informar á empresa, xa o venres 20 de marzo de que tiña síntomas.
Esta traballadora, á que finalmente se lle confirmou o positivo en Covid-19, non deixou o seu posto de traballo até o luns seguinte e, a pesar diso, “tampouco se adoptou medida algunha, nin se enviou a compañeiros e compañeiras de corentena”.
Isto obrigou á CIG, que non tivo coñecemento deste caso até o día 26 de marzo, a presentar denuncia perante a Inspección que foi quen obrigou a Gadis a enviar a todo o persoal da súa quenda de corentena, o pasado venres 27 de marzo, agás a catro traballadores/as que non tiveran contacto con ela.
Lucía Freire denuncia que tampouco aquí se fixo unha desinfección a fondo da tenda, tan só unha limpeza cun pano e un spray e que se cubriu a quenda con persoal procedente doutras da zona.
A representante da CIG-Servizos de Compostela denuncia por iso a GADIS, “máis interesada en seguir obtendo beneficios, que na saúde do persoal que fai posible que os consiga”. Neste sentido demanda, xunto coas pertinentes medidas de prevención, que axuste os horarios ás circunstancias, como fixeron as outras cadeas de alimentación, que recortaron o seu horario de apertura para seguir garantindo a atención á cidadanía mais tamén reducir “o estrés, a angustia e a carga de traballo adicional que comporta esta situación para o persoal do comercio de alimentación”.