Terceira xornada de seguimento masivo da folga de Alfrío
A terceira xornada de folga de Alfrio transcorreu como as anteriores: paro masivo, piquetes de madrugada e silencio por parte da empresa co comité que denuncia que, porén, desde a dirección están tratando de dinamitar a folga presionando aos traballadores e traballadoras contratadas a través de ETT.
Segundo explica Ánxela Martínez, representante da CIG, “non houbo ningún tipo de achegamento por parte da empresa” e o seguimento no persoal fixo de produción e mantemento segue sendo do 100%. “Só entraron a traballar un par de traballadores de ETT e os de oficina” explica, e denuncia que si teñen constancia de que “se está presionando á xente de ETT para que entre a traballar e desde a empresa estáselle ofertando á xente de determinados postos ir traballar e cobrar en horas extras co ánimo de dinamitar a folga”.
Sen avance algún
Así as cousas, mantéñense as diferenzas canto á duración do convenio, que a empresa quere que sexa por 3 anos e o persoal por 2; nos incrementos salariais, para o que só ofrece unha suba do 4% no primeiro ano, do 3% no segundo e do 2% no terceiro, fronte ao que demanda o persoal que reclama incrementos dun 5% para este ano e outro 5% para o que vén, con cláusula de revisión salarial, para poder facer fronte á descontrolada suba de prezos dos produtos básicos dos últimos anos.
Demandan ademais percibir o 100% do salario en caso de Incapacidade Temporal e que se redefinan as quendas, que até o de agora foron fixas, de mañá ou de tarde, porque hai xente que quere rotación. Unha demanda que a empresa rexeita e fronte a que propón que sexa obrigatorio para todo o persoal.
Por iso, a representación sindical propuxo, como alternativa, que a quenda de tarde, na que a xente está máis castigada, porque fai xornadas de 9 horas, fose só de 4 días á semana. Cuestión que tampouco foi aceptada.
O persoal rexeita tamén a pretensión da empresa de introducir unha cláusula para que as xornadas foran mesmo de luns a domingo, o que aumentaría, en lugar de reducir, o tempo de traballo e reclama que se recoñezan categorías por antigüidade.