
Terceira xornada de folga no servizo de fisioterapia do Hospital San Rafael

As traballadoras do servizo de fisioterapia do Hospital San Rafael están secundado este venres o terceiro día de folga para reclamar a fin da discriminación salarial que sofren. Como nas xornadas previas, o seguimento do paro é practicamente do 100%, xa que sé acudiu ao seu posto unha das traballadoras.

Porén, malia o éxito das xornadas de folga e a paralización do servizo, a empresa segue enrocada non seu inmobilismo e négase a negociar coa parte social. "Non hai comunicación de ningún tipo”, denuncia Karin Lenze, delegada da CIG e fisioterapeuta. "Nós temos total disposición a falar e buscar unha solución, pero a empresa non quere".
De feito, apunta, a única comunicación que tiveron por parte do hospital dende o inicio da folga, foi para indicarlles que avisaran as e os doentes de que non se lles fai o tratamento porque as traballadoras están en folga. “Nin sequera se reprograman as citas porque a única persoa que vai traballar non dá atendido todos os servizos”.
Lenze reitera que o único que está demando as traballadoras é rematar coa discriminación salarial que padecen con respecto a outros colectivos profesionais homologábeis en nivel de cualificación e importancia dentro dos servizos do hospital.

"Estamos formadas, actualizadas e implicadas co noso traballo, pero os nosos salarios están pouco por enriba do mínimo interprofesional; temos un plus conxelado dende hai 23 anos e outro incentivo sen actualizar dende hai 17 anos. Pero o custe da vida non para de subir e os nosos soldos non nos permiten chegar a fin de mes con dignidade”
Esta situación inxusta é incluso recoñecida pola empresa, "pero non fixo nada para corrixir esta discriminación" que se dá nun servizo totalmente feminizado. Por iso, fartas de non ser escoitadas, as traballadoras decidiron mobilizarse e ir á folga na defensa dos seus dereitos.
A este respecto critican a falta de resposta da empresa, que evidencia o menosprezo de IMQ San Rafael non só polo seu persoal, senón polas persoas doentes ás que non se lle está dando a atención que precisan.
De non mudar a situación, a folga continuará os días 21, 22 e 25 de abril.