Terceira xornada de folga en Atento en demanda dunhas condicións laborais dignas e polo cese das presións
Esta terceira xornada de paro de 24 horas, que afecta a todos os departamentos, rexistra un seguimento de arredor do 70% e está convocado por CCOO, UGT, USO e CIG. Coa medida de presión quérese demandar cambios na política de recursos humanos e toda unha serie de medidas para mellorar as condicións de traballo e en materia de saúde laboral.
A este respecto, solicitan que se forme adecuadamente ao persoal formación, compensación do tempo libre de chamadas fóra do horario, tempo administrativo e entre as chamadas, a aplicación de medidas que diminúan os riscos psicosociais ou o estabelecemento duns obxectivos “alcanzábeis e xustos”.
A representación social demanda tamén o cese da presión continuada e unha redución do control constante ao que están sometidas as traballadoras e traballadores, así como a paralización das sancións indiscriminadas, os despedimentos e “que se recoñeza o noso traballo”.