Tensión ao inicio da folga en Vitrasa polos intentos de boicot da empresa, que non permite a identificación dos buses en servizos mínimos
As primeiras horas da folga convocada en Vitrasa para reclamar melloras laborais e rematar coa falta de descanso e co exceso de xornada deixaron momentos de tensión polos intentos de boicot da empresa, que non lle permitiu ao comité de folga identificar os autobuses en servizos mínimos. Como consecuencia da represión policial varios/as traballadores/as tiveron que ser atendidos/as en urxencias por lesións de distinta consideración.
Os incidentes producíronse a primeira hora da mañá nas instalacións da concesionaria do servizo de transporte urbano do Concello de Vigo na estrada de Camposancos, cando o comité de folga procedía a identificar cun documento selado os vehículos que se atopan en servizos mínimos para garantir que ningún traballador/a puidese colocar pola súa conta o rótulo electrónico de servizos mínimos e deste xeito non secundar a folga de xeito camuflado.
O presidente do comité de empresa, Imanol Arnoso, explica que este foi o xeito de proceder até o de agora en cada un dos paros convocados na empresa, pero nesta ocasión a dirección negouse, “nun claro intento de impedir o dereito de folga”. Malia todo, o seguimento do paro está a ser practicamente total na quenda de mañá, que deu comezo ás 5:00 horas, xa que unicamente catro condutores/as que non estaban en servizos mínimos -fixados no 60%- foron a traballar.
“O único que pretendíamos era controlar que se cumpran os servizos mínimos e evitar que calquera poida poñer o rótulo electrónico para pasar por servizos mínimos o que é esquirolaxe”, sinala Arnoso. Pero a empresa negouse a chamou a policía para que desaloxase os traballadores/as que impedían a saída dos vehículos. Como consecuencia dos forcexos, varios membros do comité de folga tiveron que ser atendidos/as en urxencias por escordaduras, golpes e contusións.
Posteriormente a policía identificou tamén a varios integrantes do comité que intentaban impedir a saída dun autobús co que a empresa pretendía substituír outro que supostamente sufrira unha avaría na rúa. “Dixémoslle que para sacalo tiña que chegar primeiro o outro, pero negáronse”, critica.
A folga continúa mañá
A folga de 24 horas continuará mañá sábado e terá continuidade todos os venres e sábados até o 13 de decembro, cando pasará a ser de luns a venres de xeito indefinido, a excepción dos festivos.
O comité de empresa decidiu retomar a convocatoria dos paros pola actitude inmobilista da empresa ao longo de case un ano de negociacións. A representación do persoal destaca a súa flexibilidade nas negociacións, xa que para paralizar as mobilizacións as propostas feitas son relativas á mellora das condicións de traballo, como descanso durante a xornada, duración máxima da xornada diaria, tempos de percorrido, etc, deixando en segundo plano a parte económica para unha negociación posterior.