“Ten trascendencia que o Estado español non ratificase a versión revisada da Carta Social Europea?”
Na conferencia, xunto a Suso Seixo estará Luís Jimena Quesada, presidente do Comité Europeo de Dereitos Sociais do Consello de Europa entre os anos 2011 e 2014 e catedrático de Dereito Constitucional na Universitat de Valencia.
A presentación correrá a cargo do catedrático de Dereito do Traballo e da Seguridade Social na Universidade da Coruña e director do Instituto de Investigación da Asociación Coruñesa de Dereito Comparado do Traballo e Seguridade Social, Jesús Martínez Girón.
A conferencia está organizada polo Centro de Excelencia Jean Monnet da Universidade da Coruña, a través de Xosé Manuel Carril, profesor titular de Dereito do Traballo e da Seguridade Social e coordinador da actividade número 18, Dereito do Traballo e da Seguridade Social.
Entre as entidades colaboradoras, ademais da CIG, están o Instituto de Estudos Europeos Salvador de Madariaga, UdC e o Instituto de Investigación da Asociación Coruñesa de Dereito Comparado do Traballo e Seguridade Social.
Para explicar as razóns que levan a celebrar esta conferencia, Luís Jiménez Quesada sinala que o Estado español, malia autoproclamarse “Estado social e democrático de Dereito na Constitución está a participar ao nivel máis baixo nese pacto europeo de estabilidade e democracia económica e social que é a Carta Social Europea, posto que aínda non ratificou a versión revisada de 1996 (aínda permanecemos ancorados na de 1961), nin aceptou o Protocolo de 1995 de reclamacións colectivas, en agravio comparativo (en prexuízo das persoas que viven en España) en ambos os supostos con, por exemplo, os nosos países veciños (Francia, Italia e Portugal), que si asumiron ambos os compromisos internacionais”.