Teletraballo en Teleperformance: o persoal pon os medios e a empresa, por enriba, ameaza con descontos nas nóminas
O comité de Teleperformance A Coruña denuncia que a empresa "está aproveitando a crise sanitaria da Covid19 para explotar o persoal", impondo unhas condicións para o teletraballo non negociadas e polas que os propios traballadores e traballadoras teñen que pór os medios para realizar a actividade baixo ameaza mesmo de que se lle desconten cartos das nóminas polas incidencias nas conexións.
Teleperfomance (do sector dos centros de chamadas) ten na Coruña unha plataforma que emprega a máis de 800 persoas, dando servizos a grandes multinacionais das telecomuncacións, enerxéticas e doutros sectores.
O comité denuncia que dende o inicio da crise sanitaria, a empresa "está demostrando a súa incompetencia e falla de investimento para implementar o teletraballo", impondo un documento sobre o seu desenvolvemento que non foi consensuado nin negociación coa representación social e no que fai responsábeis as traballadoras e traballadores de todas as cuestións para realizar o traballo dende a mesma, incluso tendo o persoal que poñer os seus propios equipos, conexións a internet e electricidade "sen custe algún para a empresa".
"A indecencia de Teleperformance chega até tal punto", engade o comité, "que pretende meter man no peto dos traballadores e traballadoras ameazando con realizar descontos nas móminas polas incidencias nas conexións dos/as axentes, aínda cando recoñecen que o centro de Coruña non estaba preparado tecnoloxicamente para que se puidese traballar dende a casa".
Chantaxes ao persoal
Por se non fora abondo, a empresa, alegando reducir custes para non aplicar outro tipo de medidas, está "chantaxeando o persoal para" que soliciten excedencias, reduzan xornadas ao 100%, adianten as vacacións ou compensen horas no futuro, coa correspondente perda adquisitiva que lles supón.
Diante deste abuso patronal, o comité advirte que emprenderá todas as accións legais necesarias na defensa dos dereitos dos traballadores e das traballadoras.