Persoal de Teleperformance mobilízase contra os despedimentos e polo mantemento do emprego na Coruña
Persoal de Teleperformance concentrouse este luns diante das oficinas da Coruña para denunciar a política de destrución de emprego que está a levar adiante a empresa, concretadas nos últimos tempos co despedimento de dúas traballadoras con máis de 15 anos de experiencia na campaña de Unión Fenosa Distribución, así como os movementos por parte da compañía para provocar saídas forzosas na mesma campaña.
O comité lembra que a desaparición de servizos históricos levaron a que na delegación da Coruña se pasara de contar con case 1000 traballadoras e traballadores a ter na actualidade menos de 500 empregadas/os. Un proceso de destrución de emprego afianzado pola deslocalización a Colombia do servizo de atención á clientela de Unión Fenosa Distribución, malia que a empresa anunciou que mantería os postos de traballo no estado.
Hai que lembrar que o ano pasado, Teleperformance aplicou un ERE que supuxo o despedimento de 38 compañeiros e compañeiras da delegación da Coruña "e agora seguimos vivindo un goteo constante de despedimentos" que a empresa xustifica como disciplinarios. Non obstante para o comité trátase de despedimentos inxustificados e arbitrarios "que acabarán todos eles sendo declarados improcedentes, pero que supoñen que compañeiras e compañeiros queden na rúa".
Para o comité, estas actuacións empresariais van dirixidas a xerar un clima laboral de terror e "a manter sometido ao persoal con presión inadmisíbeis", fronte ás que advertiron que, "de non mudarse esta situación, levaremos adiante todas as accións necesarias".
Reestruturación da empresa
O secretario do comité e delegado da CIG, Tino Fernández, apuntou tamén ao proceso de reestruturación interna iniciada pola compañía tras a adquisición de Majorel e aos temores que existen entre o persoal a se produzan novos despedimentos e se siga afondando na perda de emprego de cara a finais de ano.
Neste senso, alertou que todo apunta a que a campaña de UFD quedará “baixo mínimos, só co persoal necesario para atender en galego”, e que a empresa non está incorporando novas campañas que poidan manter o emprego na plataforma da Coruña.
Por iso, dende o comité tamén se lanzou un chamado ás administracións públicas para que interveñan na defensa dos postos de traballo fronte ás deslocalizacións e ao desmantelamento dos centros de traballo.