Tegestacín rexeita a reunión a tres bandas, evidenciando que pretende esgotar o período de consultas sen dar ningunha garantía
A FGAMT-CIG denuncia a actitude Tegestacín que evidenciou, unha vez máis, que non ten intención ningunha de ofrecer garantías dos compromisos económicos co persoal nin facilitar posíbeis solucións de futuro para a factoría de Outeiro de Rei. De feito, a empresa nin sequera se prestou a participar na reunión a tres bandas (compañía, comité e administración) convocada pola Xunta de Galiza para onte luns.
O comité, explica o secretario da FGAMT-CIG de Lugo-A Mariña, Christian López, compareceu á cita, aceptando a posición da Xunta como Autoridade Laboral no marco dunha mediación, poñendo énfase na situación crítica dos tempos do período de consultas do ERE e na falta de garantías na materialización das medidas propostas "polo que pedimos o tempo preciso para afondar nisto, pero tamén na falta de garantías en canto aos compromisos económicos da empresa nos supostos extintivos e liquidatorios, e como non, con gran interese en afondar sobre as posibilidades futuras para as instalacións".
Porén, a empresa non amosou ningunha dispoñibilidade sobre o anterior "polo que non se prestou á reunión a tres bandas, malia ter suspendido a reunión prevista para o pasado 19.02.22 e a ‘posteriori’ xustificalo nesta actual". Con esta actitude, critica López, a empresa deixa ás claras "que se está a rir tanto do persoal como da Administración cun claro obxectivo de esgotar o período de consultas sen dar as garantías necesarias para o ERE".
Mais tamén queda en evidencia "a incapacidade da Xunta tanto para atopar as garantías da viabilidade industrial nesta factoría no seu marco competencial, como para poder axudar na liña das garantías mínimas no marco do propio ERE".
Diante disto, a CIG proporá á empresa a celebración dunha nova reunión no marco do período de consultas do ERE previo á reunión de peche prevista para venres 28 de xaneiro. Neste senos, López Carmona valora moi negativamente o acontecido este luns, posto que a Xunta de Galiza, "con todas as competencias neste asunto, perdeu unha oportunidade de encarar posíbeis solucións para estas instalacións pois, se ben se manteñen expectativas para estadios posteriores ao ERE, as mesmas non terán garantía para o actual persoal.