Tarifa Eléctrica Galega e pobreza enerxética
O Conselleiro de Industria vén de comunicar no Parlamento Galego que a Iniciativa Lexislativa Popular, impulsada pola CIG, sobre a Pobreza Enerxética “é unha boa oportunidade para avanzar nese ámbito”. Diante desta afirmación, a CIG-Industria sinala que “porén esquece o Conselleiro que esta ILP ten máis demandas que a propia consideración das medidas contra a Pobreza Enerxético como un dereito e non unha esmola”.
Neste sentido, lembra que esta ILP, tomada en consideración por unanimidade do Parlamento Galego, tamén concreta e defende unha Tarifa Eléctrica Galega e outras medidas no sector enerxético: Tarifa industrial, impulso ás renovábeis e ao autoconsumo, entrada de Galiza no Plano do Carbón, etc. “Por iso, sorpréndenos que esta ILP leve “aparcada” no Parlamento dende hai un ano e, tamén, que na recente campaña electoral galega, só un grupo político, dos catro que aprobaron a súa toma en consideración, levase no seu programa electoral a creación dunha Tarifa Eléctrica Galega”, afirma.
Xunto a isto a CIG-Industria asegura que “seguiremos atentos aos trámites parlamentares desta ILP, cando dende o propio Parlamento decidan constituír a ponencia para debatela e, tamén, para que o texto definitivamente aprobado non esqueza ningunha das reclamacións da CIG nesta ILP que contou co apoio de máis de 18.000 sinaturas”.