
Tambores de austeridade

O capitalismo da austeridade non significa menos Estado, senón un Estado que xoga un papel activo no mantemento e reprodución do sistema económico do capital, que implica garantir a subordinación dos traballadores e unha taxa de explotación axeitada para as elites
Nos Estados Unidos de América (EUA) os economistas ortodoxos volven predicar que a débeda crecente do goberno, causada basicamente polos elevados e ascendentes pagamentos a realizar polos xuros da débeda pendente, acabarán converténdose nun problema importante para a economía. Máis nun ano electoral no que as propostas económicas de ambos os candidatos, din, farían crecer aínda máis a débeda. O mesmo razoamento está a producirse nos países da UE. A conclusión que tiran, uns e outros, é que a única solución a longo prazo é a austeridade.
Ou sexa, recortes orzamentarios e privatizacións de servizos básicos, que (a experiencia nos di) afectan principalmente a sanidade, educación, servizos sociais, coidados, pensións, vivenda, etc.; suba de impostos que (a experiencia tamén nos di), polo menos até o de agora, cunha fiscalidade basicamente regresiva e coa falta de vontade política para facer pagar sobre todo ao 1% (ou o 5%) dos máis ricos, termina afectando as clases populares; e debilita os dereitos e relacións laborais e os sindicatos. En resumo, a austeridade aumenta a explotación das clases traballadoras, así como as desigualdades entre os máis ricos, que cada vez o son máis, e a maioría da poboación, cada vez máis pobre, en termos absolutos e relativos.
Seguro que se fixou en que se un sindicato ou unha asociación pide máis gasto sanitario, en educación ou en vivenda, por exemplo, rapidamente saen os economistas e políticos tecnócratas preguntando como se fará para financialo. En cambio, é curioso que cando se trata de enviar diñeiro a Ucraína para loitar contra Rusia, ou a Israel para financiar o xenocidio do pobo palestino, ninguén (ou demasiada pouca xente) pida o mesmo. E outro tanto pode dicirse se aumenta dramaticamente o orzamento en defensa, ou o da Casa do Rei, ou os soldos dos parlamentarios ou os cargos de goberno das diferentes administracións, por pór algúns exemplos.
Nestes casos case ninguén se pregunta onde está o diñeiro para financialo, pero o diñeiro acábase orzando e gastando. Será un milagre! E cando se produce unha pandemia como a da COVID, ou unha catástrofe natural importante (inundacións, incendios, furacáns…), evidentemente, en moitos casos, os gastos que isto supón non estaban previstos ou orzados, pero –como é totalmente lóxico– os recursos económicos para facerlle fronte (que ás veces son moi importantes) acaban aparecendo. Quizais de debaixo das pedras?
Pensemos por un momento en como o facemos calquera de nós se temos que pagar algo. Polo xeral, o noso banco fainos moitos dos pagamentos que temos domiciliados, ou que facemos con cartón, e se queremos pagar en man, primeiro deberemos sacar diñeiro da nosa conta corrente. O noso límite de pagamentos é o noso saldo bancario máis o noso límite de crédito (se os temos). Pois, no caso dos países, o seu banco central (a Reserva Federal nos EUA, o banco central de cada país cando teñen moeda propia, ou o Banco Central Europeo no caso dos países que teñen o euro como moeda), que é o banco do goberno ou do Tesouro, desempeña o mesmo papel que o noso banco no caso dos particulares, pero o seu límite de gasto fíxao o Parlamento de cada país cando aproba o Orzamento.
Límite, este último, que, non o esquezamos, pode ter modificacións, que segundo as súas características poderá realizar o propio goberno ou requirirá a aprobación de novo do Parlamento. A partir da crise financeira mundial, os bancos centrais puideron mercar a débeda (todo se é necesario) que emite o Goberno/Tesouro, que lle pagaría os xuros correspondentes, e que despois o banco central acabaría volvendo ao Goberno/Tesouro (que é o seu propietario), o que serviría para compensar o anterior pagamento de xuros (isto é o que se chamou o “Quantitative Easing”).
Non esquezamos que a débeda pública non é necesariamente un problema. É tamén un activo financeiro seguro cun importante papel nos mercados financeiros e nas carteiras dos aforradores e de moitos xubilados. E que o déficit público, por exemplo nos EUA, foi a situación habitual, con algunha pequena excepción (época Clinton), desde 1960, e que tendo en conta que as importacións dos EUA foron imprescindíbeis para que o sector privado (empresas, familias) tivese un superávit que permitisen o consumo e o investimento, e que xunto co devandito déficit público, asegurasen o crecemento económico e unha certa estabilidade. Por outra banda, non esquezamos que o cociente de xuros acumulados da débeda pública, que é un stock, respecto ao Produto Interior Bruto (PIB) ou o gasto total anual, que é un fluxo, non é tampouco un bo indicador. Importa máis a capacidade de pagar a débeda (stock) co fluxo dos ingresos (PIB), que a cantidade do cociente.
O problema non é o déficit ou a débeda pública, senón en que gasta o goberno, ou máis aínda para quen gasta. Cando os estados aumentan o gasto militar ou rescatan os bancos, mentres simultaneamente recortan e privatizan os gastos sociais, están a transferir recursos da maioría da poboación ao 1% das elites máis ricas. Ou sexa, a austeridade non significa gastar menos senón gastar da forma "correcta" desde a lóxica estrutural do capital: a favor das elites e en detrimento da maioría da poboación. E o mesmo pode dicirse dos impostos: a cuestión non é que o Estado os aumente, senón a quen llos aumenta. As "reformas" da fiscalidade son desde hai anos regresivas, é dicir, favorecen as elites e prexudican a maioría da poboación.
O capitalismo da austeridade non significa menos Estado, senón un Estado que xoga un papel activo no mantemento e reprodución do sistema económico do capital, que implica garantir a subordinación dos traballadores e unha taxa de explotación axeitada para as elites. En definitiva, como sinalou Clara E. Mattei, trátase de protexer a orde do capital.
Como explica esta autora no seu libro A orde do capital, a historia revela que a austeridade é moi anterior á política neoliberal recente: utilizouna tanto Mussolini na Italia fascista como os liberais ingleses a primeiros do século XX. É un instrumento estrutural do sistema económico do capital para asegurar unha axeitada taxa de explotación e limita de forma moi importante a democracia.
[Artigo tirado do sitio web catalán Directa, do 25 de outubro de 2024]