Suspendida temporalmente a folga en Veolia tras acadarse un preacordo para a recolocación e a subrogación
Tras 19 días en folga, os traballadores de Veolia que fan o servizo de mantemento de Inditex acordaron suspender temporalmente o paro e as mobilizacións despois de chegar a un preacordo coa empresa sobre as principais demandas sociais: a recolocación do compañeiro despedido e o recoñecemento do dereito á subrogación do persoal de Veolia destinado aos centros de Inditex.
Non obstante, aínda está en fase de negociación a aplicación do plus de centro de traballo (unha mellora económica que xa percibe o persoal doutras contratas de Inditex) así como diversos aspectos do convenio colectivo que até agora a empresa non estaba cumprindo, que se abordarán na reunión prevista co Veolia para a próxima semana.
Conseguir este principio de acordo só foi posíbel grazas á intensa loita destes traballadores, que apostaron por responder con toda a contundencia e non dubidaron en ir á folga indefinida para facer fronte ás agresións patronais. Porén, advirten que a loita non rematou, xa que fica pendente acadar o recoñecemento do complemento así como comprobar que os acordos se materializan de maneira positiva.
Así as cosas, como xesto de boa vontade e de cara a facilitar u entendemento entre as partes, os traballadores decidiron onte en asemblea suspender de maneira temporal a folga indefinida, as concentracións diarias diante da sede de Inditex e mais a manifestación que tiñan convocada para este venres no Polígono de Sabón.