Suspendida a xornada de folga prevista para hoxe no transporte urbano de Santiago “para dar tempo á negociación”

Isto non implica a desconvocatoria do paro do 21 de marzo, nin da folga indefinida prevista a partir do 1 de abril, se non se resolve o conflito
- 14 Mar 2025

Traballadoras e traballadores de TRALUSA e AULUSA concentráronse este mediodía na Praza de Galiza para exixir novamente que remate a discriminación histórica que sofre o persoal. Suspendeuse, porén, a xornada de folga prevista para este venres “para dar tempo á negociación”.

Segundo explicou o representante da FGAMT-CIG Inácio Pavón, a suspensión produciuse a solicitude dos mediadores, o que non implica a desconvocatoria da folga convocada para o día 21 de marzo, nin da folga indefinida convocada a partir do día 1 de abril. “Consideramos que nesta primeira reunión, se ben non hai ningún acordo, nin preacordo, o que si houbo foron avances sobre a nosa proposta. Non sobre a proposta que mantiña a empresa e que era discriminatoria para o conxunto do persoal, xa que pasaría a ser todo correquendas”.

Pavón sinalou que foi unha solicitude que aceptaron, a pesar de que “non é responsabilidade do persoal que a reunión se puxera en xoves, precisamente o día antes da folga, cando había tempo abondo como para que se puxera con máis prazo”.

Malia isto, aseverou que a falta de tempo non ía ser un problema porque, como veñen afirmando desde o inicio do conflito, “se isto se tivera negociado antes, non chegariamos a este punto”. Por iso, explicou que “non temos ningún problema en darlle unha oportunidade á negociación dado que, por fin, a empresa foi obrigada a sentarse e a facelo co respecto que non había nas reunións anteriores”.

Novas mobilizacións

Polo tanto, á espera de que a negociación dea os seus froitos, a xornada de folga de hoxe ficou suspendida pero se manteñen as datas seguintes, como tamén as mobilizacións para a semana que vén, que serán comunicadas nos próximos días.

Onte celebrouse ademais unha asemblea de traballadoras e traballadores que referendou o paso que deu o Comité de Empresa. “A xente comprende e está de acordo co que se fixo coa suspensión da xornada de hoxe, simplemente para dar pé a esa negociación que levabamos tempo buscando”.

Pavón anunciou ademais que na propia xuntanza da mediación de onte xa quedou fixada a data da próxima reunión para o luns 17 de marzo, ás 12:00 horas e, por se fixera falta, outra para o xoves 20 de marzo, ás 9:00 horas, no Consello Galego de Relacións Laborais. “E polo medio as que fagan falta, se non se chega a un acordo antes”, matizou. En todo caso a sinatura sería o xoves no Consello Galego de Relacións Laborais.

Histórica discriminación

Mentres non haxa un novo concurso público, o transporte urbano está dividido en varias empresas, aínda que Tralusa e Aulusa-Santiago, ambas do grupo Monbus, fan o groso das liñas.

Porén, mentres o persoal de Tralusa ten un cadro de servizos rotatorio e mensual, as compañeiras e compañeiros de Aulusa-Santiago só poden facer de correquendas e ir cubrindo os ocos libres no cadro de Tralusa. “Teñen que andar por todas as liñas con diferentes horarios, sen consolidar nunca a praza”.

Por iso acordaron en asemblea, por unanimidade, ir á folga, “pola discriminación e a precariedade que unha parte de nós sofre nas súas condicións de traballo ao carecer dun cadro de servizos fixo, como o resto”.

Precariedade que vén de lonxe

Esta situación de precariedade non é nova. Tal e como explicou Pavón, xa tiveron que denunciala na Inspección de Traballo, que obrigou a Monbus a pagarlle ao persoal de Aulusa un plus que se cobraba en Tralusa, a converter os seus contratos -todos temporais- en indefinidos e a equiparar tamén o número de días libres ao mes. Porén, anos despois, seguen sen estar no cadro de servizos.

 


Usamos cookies para mellorar a túa experiencia de navegación e uso. Consulta a nosa política de cookies e a nosa política de protección de datos.
Preme en aceptar para confirmar que aceptas a información presentada e pechar este cadro.