Suspendida a folga no transporte de viaxeiros/as da Coruña ao abrirse unha mediación
A folga indefinida dos traballadores e traballadoras dos autobuses que fan as rutas Santiago-Carballo-Costa da Morte, adxudicada á UTE 811, e da zona de Betanzos-Curtis, que presta a UTE 846, foi suspendida ao abrirse unha mediación no Consello Galego de Relacións Laborais, que será xestionada polo director territorial de Galiza da Inspección de Traballo.
De cara á facilitar as negociacións, explica o responsábel de Transportes da CIG, Xesús Pastoriza, acordouse suspender a convocatoria, xa que a primeira xuntanza da mediación está programada para este luns, 26 de outubro, data na que tamén comezaría a folga indefinida. E neste sentido, o mediador pediu unha marxe de tempo para tentar avanzar nunha solución antes de facer efectivo o paro.
Hai que lembrar que a convocatoria de folga veu motivada porque ambas UTE (que comezaron cos contratos en setembro) non están a respectar as condicións que o persoal tiña previamente, a pesar de que así o establece o convenio do sector. A maioría dos traballadores/as subrogados viñan prestando este mesmo servizo en Arriva, que ten unhas condicións laborais e salariais superiores ás do convenio, que non lles están respectando as novas empresas.
A este incumprimento patronal, engádeselle o deseño dos contratos feito pola Xunta que fomenta UTE integradas por numerosas compañías (até 12 empresas diferentes para un único lote) que á súa vez distribúen os traballadores e as traballadoras en cada unha das empresas, imposibilitando deste xeito que haxa representación sindical.