Suspendida a folga no servizo de recollida do lixo de Ourense tras o acordo para renovar o convenio
A maioría do comité de empresa de Ecourense, concesionaria do servizo de recollida do lixo e limpeza viaria do Concello de Ourense, optou por desconvocar a folga indefinida prevista para hoxe unha vez que se logrou un acordo para renovar o convenio colectivo. As partes pactaron in extremis unha suba salarial que permite deixar sen efecto o inicio do paro, aínda que seguirán a negociar melloras laborais.
A decisión foi adoptada por todas as centrais con representación na empresa (3 delegados/as da UGT, 2 da CIG, 1 de CCOO e 1 da CSIF), a excepción do sindicato patronal STL (2 delegados/as), que xa non apoiara a convocatoria de folga.
O preacordo con Ecourense UTE (Copasa, FCC e Geseco) foi asinado onte no último momento e contempla unha subida salarial para este ano a pesar de que os pregos de condicións do concurso de adxudicación do servizo establecen que o incremento será do IPC do exercicio anterior (que neste caso pechou en negativo) máis un 1,5%. A pesar diso a parte social logrou un aumento do 0,5%.
Deste xeito, a suba salarial total nos catro anos de duración do convenio (2020-2023) será de arredor do 10%. Xa que o incremento de 2023 tamén será do 0,5% a maiores do IPC real do ano anterior, mentres que para 2020 e 2022 será do IPC.
Bolsa de contratación
Ao mesmo tempo, o Concello comprometeuse a recoller nos pregos de condicións do novo concurso a reivindicación de que o persoal fixo traballe de luns a venres, mentres que das quendas de fin de semana se encargue o persoal eventual.
Finalmente as partes acordaron seguir a negociar unha serie de melloras laborais como a regulación dos días de asuntos propios e a cobertura das vacantes (baixas e vacacións). Máis tamén a creación dunha bolsa de contratación temporal, xa que dende a CIG lembran que a empresa pactara co sindicato patronal STL un sistema mediante o que cobra unha cota de 70 euros mensuais a cada traballador/a durante o tempo de duración do contrato, cuestión que a central denunciou diante da Fiscalía.
Por iso para a CIG é fundamental que toda a contratación sexa sometida a control público para rematar con este "sistema mafioso co que se compran vontades de todo tipo".