Suspendida a folga no colexio Sagrado Corazón do Deza ante a posibilidade de que o centro cambie de mans
O comité de folga e a asemblea de traballadoras do colexio Sagrado Corazón do Deza decidiu suspender os paros que se desenvolven todos os martes e xoves para reclamar o pago dos salarios pendentes ao persoal non concertado tras manter unha xuntanza este luns cun grupo inversor interesado na adquisición do centro.
Dende o comité de folga aclaran que unha vez analizado a reunión celebrada cun empresario interesado na compra do colexio e tendo en conta as accións que nas próximas datas realizarán os pais e nais afectados/as por esta situación acordouse suspender a folga polo que resta do mes de novembro.
Segundo explican, na xuntanza o grupo inversor interesouse polos aspectos que motivan o conflito laboral, “coincidindo na necesidade dunha solución inmediata para asegurar a continuidade do proxecto educativo”. Mais o empresario reservouse a necesidade dun estudo económico que asegurase a rendibilidade empresarial, fixando aproximadamente en 15 días o tempo necesario para dar resposta ou confirmar o seu interese polo negocio”.
Dende o comité de folga apostan por unha solución inmediata a esta situación sen entrar a valorar ningunha proposta mercantil, “xa que calquera que chegue será ben recibida”. Con todo, seguen reclamando da Xunta de Galiza a necesidade de participación na resolución deste conflito. “Xa que, de non frutificar esta opción de compra, e descoñecendo a existencia de ningunha outra, a situación empeoraría cada día máis dificultando a continuidade dos postos de traballo”.
Ao mesmo tempo, consideran que un dos obxectivos perseguidos coa convocatoria de folga foi alcanzado, “xa que foi nese momento cando se manifestou social e politicamente a gravidade da situación e se activaron os fíos políticos”.
E non queren deixar pasar a ocasión para agradecer o respaldo social e das familias, a súa preocupación e o apoio demostrado ás traballadoras pola situación laboral. Finalmente, agardan que as mobilizacións levadas a cabo e as que se poidan convocar no futuro obriguen ás Consellerías afectadas a implicarse na busca dunha solución, xa que a inacción da Xunta faríaa responsábel do peche do centro.