
Suspendida a folga na piscina municipal das Pontes tras abonarse as nóminas e abrirse unha negociación

A folga que estaba convocada para hoxe, luns 27 de maio, mañá martes, e o mércores día 29, na piscina municipal das Pontes e para o persoal monitor do polideportivo desta localidade fica suspendida despois de constatarse que ServiplusTotal comezou a abonar os salarios pendentes e tras abrirse unha negociación co Concello e a empresa.
A finais desta semana está prevista unha reunión co Goberno municipal na que se informará de cando entra a nova empresa no servizo e se abordarán compromisos para garantir que se respectan os dereitos laborais do persoal recollidos nos convenio colectivo, tales como a xornada ou os descansos, que ServiplusTotal viña incumprindo de maneira sistemática.
Tras abonarse as nóminas e abrirse esta interlocución, e co ánimo de facilitar o proceso de cambio de adxudicataria, o persoal acordo suspender estas tres primeiras xornadas de folga parcial. Non obstante, mantense a convocatoria de folga para os 2, 4 e 5 de xuño, á espera do resultado da reunión co Concello.