Suspendida a folga en Ambulancias Civera de Pontevedra unha vez que o persoal comezou a cobrar o salario íntegro
O cadro persoal de Ambulancias Civera, concesionaria do transporte sanitario programado e dos traslados intrahospitalarios nas áreas de Pontevedra e do Salnés, acordou onte suspender a folga indefinida cuxo inicio estaba previsto para o vindeiro día 17 unha vez que a empresa comezou a abonar os salarios íntegros do mes de decembro.
A decisión foi adoptada a última hora da noite en asemblea por unanimidade dos traballadores/as, que non descartaron tampouco retomar a medida de presión no caso de que se volvan repetir atrasos nos pagamentos das nóminas.
Os afectados/as pecháranse o xoves pasado no hospital Montecelo para forzar unha xuntanza co xerente da área sanitaria, que se comprometera a poñerse en contacto coa compañía para esixirlle que liquidase a débeda de xeito inmediato.
Mais días despois das a mobilización os traballadores/as seguían sen cobrar nin recibiron notificación algunha sobre a data na que poderán facelo, polo que na mañá de onte anunciaron a convocatoria dun paro indefinido para denunciar tamén os graves incumprimentos de Ambulancias Civera a respecto do convenio colectivo e das condicións sanitarias.
Dende a FGAMT-CIG de Pontevedra lembran que o xerente da área sanitaria de Pontevedra-O Salnés comprometeuse, José Flores, comprometérase a dirixirse ao empresario para que procedese a saldar a débeda contraída cos traballadores/as de xeito inmediato, xa que o impago dos salarios constitúe un incumprimento moi grave dos pregos de condicións do concurso de adxudicación do servizo.
O contido da reunión con Flores -na que participaron os cinco delegados/as do comité, da CIG, e o propio Aboi- foi abordado ao remate do encontro nunha asemblea que se celebrou pouco antes das 14:00 horas ás portas de Montecelo, na que os traballadores/as decidiron continuar coas mobilizacións até que non perciban a nómina completa, incluíndo a posibilidade de convocar a folga que agora se fixo efectiva e á que están chamados os arredor de 90 empregados/as.
Numerosos incumprimentos
O impago de salarios é o último dos moitos incumprimentos da empresa dende que se fixo cargo do concurso, tal e como veñen denunciando dende hai tempo dende o comité, até o punto de ter solicitado publicamente o rescate da concesión por parte do Sergas.
De feito, a representación sindical compareceu en rolda de prensa o pasado 24 de novembro para denunciar tamén o deterioro das condicións laborais dende que hai ano e medio a Xerencia da área sanitaria sacou un concurso público deficitario contratando a esta empresa dirixida dende Valencia. O concurso público foi sacado a licitación por 19 millóns de euros a tres anos e dous máis de prórroga, con sete ambulancias menos respecto do anterior, sendo o único deficitario.
“A pesar disto a Xerencia licitou e contratou á actual concesionaria, influíndo negativamente na asistencia a doentes, con esperas interminábeis nos seus tratamentos, e supoñendo un grave prexuízo para os traballadores/as.”.