Suspéndese o inicio da folga indefinida na limpeza hospitalaria á espera de que as empresas abonen a equiparación salarial
A CIG e CCOO decidiron hoxe suspender o inicio da folga indefinida prevista para mañá no servizo de limpeza dos hospitais galegos tras o acordo acadado na mediación laboral a respecto da equiparación salarial mediante o pago do plus de carreira profesional. A representación sindical agardará sete días a que as empresas que aínda non o fixeron abonen as cantidades pendentes, e no caso contrario reactivará a convocatoria.
A comisión de seguimento (na que tamén participa a UGT) que está a negociar a aplicación retributiva do equivalente á carreira profesional do persoal de Sergas para todas/os traballadoras/es das contratas que teñan recoñecida a equiparación salarial mantivo esta mañá unha xuntanza na sede do Consello Galego de Relacións Laborais na que finalmente se pactou un modelo de aplicación.
Segundo recolle a acta do encontro, as partes recoñecen que constitúe un dereito de todas as persoas que prestan servizos para as contratas do Sergas a percepción económica do equivalente ao importe da chamada carreira profesional. Con todo, déixase moi claro que en ningún caso o recoñecemento do dereito do persoal pertencente ás distintas contratas do Sergas que teñan recoñecida a equiparación salarial ás contías vixentes da chamada carreira profesional poderá facerse depender da sinatura ou presentación do modelo pactado.
A antigüidade, o único requisito
Ademais, estableceuse que as empresas non poderán esixirlle ás beneficiarias/os ningún requisito fóra da antigüidade, xa que aquelas que se negaban a pagar reclamaban a realización dun curso de especialización. Tanto CIG como CCOO rexeitaban esta demanda ao entender que rompía o acordo formalizado no Consello Galego de Relacións Laborais e tendo en conta que “o persoal non precisa de formación adicional porque ten anos de experiencia abondo”.
Tras o acordo, o comité de folga decidiu suspender o paro indefinido previsto para mañá e fixar un prazo de sete días para que as empresas que aínda non pagaron a equiparación salarial do persoal das contratas co do Sergas (Clece, Grupo Norte, Grupo Faro e Ilunion) poidan facelo, xa que do contrario reactivarán a folga.