Suspéndense as mobilizacións do persoal de Política Social pola grave situación sanitaria
O persoal da consellaría de Política Social vén de acordar a suspensión das mobilizacións previstas para esta semana pola grave situación sanitaria que provocou a implantación de novas restricións en toda a Galiza. A de mañá sería a 17ª xornada de Loita e denuncian que, malia isto, seguen sen noticias da Conselleira de Política Social, Fabiola García. “Esta conselleira continúa actuando como a peor patronal e fai oídos xordos ás reivindicacións do seu persoal”.
En plena segunda onda da pandemia, teñen que seguir a reclamar medios materiais e de seguridade, máis persoal e información como a dos contaxios de compañeiros e usuarios ou mesmo que as PCR non se impoñan no día libre e a unha hora e media de desprazamento co custe a cargo do traballador/a.
“O persoal que atendemos e coidamos as persoas nos centros residenciais non desfalecemos no empeño e seguimos a resistir con actitude combativa a ineptitude dos cargos da consellería”, advirten. Non dubidan da calidade do servizo que elas e eles mesmos garanten grazas o seu esforzo e “a pesar do intento da Xunta de deterioralo” pero exixen o reforzo dos centros residenciais da consellería.
Negociar as condicións de traballo
Reclaman ademais que a Xunta negocie xa as condicións de traballo, tanto do persoal dos centros de atención da propia Consellería como do Consorcio de Servizos de Igualdade e Benestar.
Con este obxectivo, as organizacións sindicais CIG, CCOO, UGT e CSIF, teñen previstas xuntanzas cos grupos parlamentares para o vindeiro xoves 29 temos, para conseguir o fortalecemento deste sistema público e a defensa do persoal.
Para iso reclaman: reforzo de medios materias, seguridade e persoal ante a pandemia; a devolución dos artigos do convenio recortados no 2012; a defensa duns servizos sociais públicos, dignos e de calidade; o incremento de prazas públicas de xestión directa; a fin da precariedade no sector público e a transformación dos contratos parciais a xornada completa.