Suspenden a folga indefinida en Ambunova tras lograr a rescisión do contrato coa empresa e a subrogación de todo o persoal
Dende a FGAMT-CIG de Santiago manifestan que resulta sintomático que teña que ser unha convocatoria de folga a que poña fin a unha situación que xa viña sendo denunciada nos últimos meses tras sucedérense os atrasos e impagos de salarios. A isto hai que engadir un servizo cada vez máis deficiente onde nin se substituía a traballadores/as de baixa nin se reparaban as ambulancias averiadas -chegando mesmo a que se lles curtara o teléfono, a non saber se habería gasoil para traballar na seguinte quenda ou a deixar pacientes de diálise sen transladar.
“Finalmente foi unha convocatoria de folga indefinida a que provocou que a Administración non puidera seguir mirando cara a outro lado e optase por rescindir o contrato coa empresa, curiosamente o día antes do inicio do paro”, salientan.
Dende a central entenden que estes feitos deberan servir para abrir un debate sobre as condicións laborais existentes na maioría das contratas públicas, “onde se busca unicamente a oferta máis barata, e cando estamos a falar de servizos públicos isto é un risco que as Administracións non deberan de asumir”. En primeiro lugar pola calidade do servizo, que vai ser menor en ofertas tan axustadas (e ás veces descaradmente á baixa) e onde, como é no caso das ambulancias, existen moitas irregularidades que non se controlan (estado das bases, das ambulancias, etc.); e en segundo lugar polas condicións de traballo, “que son as que primeiro se resinten cando hai problemas, xa que as empresas axustan por debaixo dos convenios de referencia para obter beneficio”.
Finalmente, lembran que a partir de agora aínda queda pendente o cobro das dúas mensualidades e media pendentes, que Ambunova non pagou, e que xa están denunciadas. “E agardamos tamén que a nova empresa, Ambuibérica, que é xa famosa no pouco tempo que leva noutras contratas pola súa falta de seriedade nas condicións de traballo, non agrande os problemas, polo que os traballadores/as estarán atentos/as dende o primeiro día para que non se produzan novos incumprimentos”.