S. Méndez: “O conselleiro de Facenda non coñece a realidade de Galiza, semella vivir nun universo paralelo”
Seguindo o protocolo de todos os anos, o conselleiro de Facenda convocou unha xuntanza coas organizacións sindicais para presentar o Proxecto de Lei de Orzamentos para 2018. Unha reunión na que, como adoita ocorrer, non se presentou documento algún nin antes, nin no decurso da mesma, limitándose o conselleiro a trazar unhas liñas xerais. Tras dun discurso “aparente e optimista”, a secretaria de Organización, Susana Méndez, concluíu que “o conselleiro de Facenda non coñece a realidade de Galiza, semella vivir nun universo paralelo”.
A falta de coñecer o contido do Proxecto de Lei de Orzamentos para poder analizalo polo miúdo, Méndez apuntou, ao remate da xuntanza que, co pouco que se coñece xa se pode advertir que “non van responder á realidade actual na Galiza” e que, polo tanto, “non van servir para atallar as dificultades e problemas que afectan á sociedade galega”.
Para a secretaria de Organización da CIG semella que o goberno do Partido Popular “non é consciente das desigualdades, do aumento da precariedade laboral, da emigración, da despoboación e desmantelamento do rural, da privatización de servizos públicos ou os grandes nichos de pobreza que se están a crear no noso país”.
Vento en popa
Por iso na xuntanza denunciou que só nese universo paralelo “todo vai vento en popa e vivimos no mellor dos mundos posíbeis, os lumes forestais débense a organizacións mafiosas que operan na clandestinidade e non á falta de previsión e prevención e ás nefastas políticas forestais levadas a cabo”. Algo que augurou que tamén se verá reflectido nestes orzamentos, xa que posibelmente “seguirán a recoller a mesma liña de política forestal e de desmantelamento do rural que fixeron de Galiza, literalmente, un inferno, nestes días”.
De feito, abondando nesta cuestión denunciou que coa Lei de Fomento Empresarial que vén de aprobar o PP no Parlamento, “inda se afonda máis nas políticas de destrución do noso territorio, favorecendo medidas que xerarán maior risco de grandes incendios, entre outros graves problemas para Galiza”.
Acordo de Estabilidade
Susana Méndez tamén reprochou o contido do acordo asinado en Función Pública entre a Administración e dous sindicatos presentes na xuntanza, que estes orzamentos “non van recoller a recuperación dos dereitos laborais e sociais dos empregados e empregadas públicas, que foron eliminados poñendo a crise como escusa”. Un acordo que, sinalou, “non só non crea emprego, senón que nin tan sequera recupera todo o emprego perdido desde o 2009 coa escusa da crise”.
Privatización de servizos públicos
A falta de máis información sobre o destino das distintas partidas orzamentarias, a secretaria de Organización inquiriu ao conselleiro para que este aclarara se os orzamentos continúan na liña privatizadora dos servizos públicos, e se seguen destinándose cada vez máis cartos á sanidade privada, ao ensino privado ou ás entidades privadas de prestación sociosanitaria, entre outras. “A resposta de Valeriano Martínez -máis alá do agresivo ton que utilizou- foi que non se está a privatizar e mesmo cuestionou o concepto de servizo público que, polo que puidemos ver, confunde a mantenta con recibir servizos en centros privados que as/os usuarias/os non pagan en man pero financian a través dos orzamentos da Xunta”
Lei de Garantías e Lei de Saúde
Afondando na cuestión das privatizacións denunciou que na Sanidade, dadas as normas aprobadas como a Lei de Garantías, e a modificación da Lei de Saúde que está sobre a mesa, “é de supoñer que ese gasto en sanidade privada aumentará, posto que esta lexislación está dirixida precisamente a aumentar as derivacións cara a privada”.
Xunto a isto advertiu do cada vez maior avellentamento do país e demandou información sobre as medidas que se recollen nos orzamentos para paliar esta situación e para mellorar a atención á dependencia con respecto a exercicios anteriores, posto que continúa habendo miles de persoas pendentes de valoración, e máis de 20.000, cunha valoración positiva, que seguen sen acceder ás prestacións.
Emprego digno
Fronte a este panorama, a secretaria de Organización reclamou uns orzamentos que recollan medidas para crear emprego digno, para potenciar os nosos sectores produtivos, fixar poboación no rural, eliminar desigualdades sociais e evitar a sangría da emigración. “Porque no universo paralelo no que vive o goberno de Feixó, todos estes problemas non existen, mais son moi reais, e quen vivimos no mundo real, ben o sabemos”.
Para demostralo, Méndez lembroulle ao conselleiro que malia levar varios anos incrementándose o PIB e a ocupación a participación das persoas asalariadas na renda non aumenta, senón que descende. “E isto”, dixo, “é debido ao tipo de emprego que se crea, cunha maior precariedade”.
Respecto da ocupación, sinalou que o seu medre é “a conta de contratos moi curtos -de días en moitos casos- principalmente do sector servizos”. Xunto a isto sinalou que tamén aumentan os/as autónomos/as, matizando que nos máis dos casos son “falsos/as autónomos/as, un tipo de emprego que, cada vez máis, agocha maior precariedade e desigualdades importantes”.
Precariedade e pobreza
Canto ás persoas asalariadas, puxo sobre a súa mesa que o seu incremento non supuxo unha diminución da pobreza, por mor da contratación precaria e os baixos salarios. “Isto acompañado dunha perda importante e continua de poboación activa, debida ao envellecemento da poboación e á grave emigración que padece Galiza”.
Diante desta realidade que o PP descoñece, a secretaria de Organización da CIG preguntou polas medidas que se recollen nestes orzamentos para darlle a volta, nomeadamente se se tiveron en conta algunhas das 100 propostas pola CIG para a creación de emprego en Galiza.
Méndez aproveitou a ocasión para denunciar o secuestro no Parlamento da ILP por unha tarifa eléctrica galega, da que desde xaneiro do 2016 en que foi admitida a trámite, non se volveu saber nada e concluíu rexeitando uns orzamentos nos que se segue apostando por políticas neoliberais, que “favorecen a pobreza, non serven para crear emprego digno, non defenden os servizos públicos e eliminan benestar social”.