Stolt Sea Farm despide a un traballador que foi nas listas da CIG xusto cando se inicia a negociación do convenio
A CIG realizou unha concentración este mércores diante dos xulgados de Santiago para esixir a readmisión dun traballador de Stolt Sea Farm a quen a empresa despediu alegando motivos peregrinos. Para a central sindical estamos ante un clarísimo caso de represión sindical xa que o despedimento se produciu xusto 15 días despois de denunciarse o convenio colectivo e afecta a un traballador que foi delegado de persoal pola CIG en varias ocasións.
Hai que ter en conta que CIG é o sindicato maioritario na planta acuícola que Stolt Sea Farm ten en Lira e que cada negociación de convenio vai "acompañada dun proceso paralelo por parte da empresa de sancións, ameazas de despedimento e coaccións co obxectivo de condicionar a negociación e amedrentar os traballadores e traballadoras para que non se mobilicen", denuncia Xabier Santos Canosa, responsábel da Unión Local da CIG en Cee.
Cada negociación de convenio vai acompañada dun proceso paralelo por parte da empresa de sancións, ameazas de despedimento e coaccións"
Neste caso, a empresa xustifica a súa decisión acusando o traballador de querer levar restos de chatarra das instalacións de Lira. "É práctica habitual que cando hai un cambio nas estruturas metálicas, o persoal, e mesmo xente de fóra, pida os ferros que sobran e veña buscalos. Incluso hai unhas viñas en Lugo que se montaron coas estruturas que saíron desta planta. E agora, por esta estupidez, a dirección bota a un traballador que leva 27 anos na empresa. Isto é a aplicación máis dura da reforma laboral", afirma Xabier Aboi, responsábel do sector de mar da FGAMT-CIG.
Entorpecer a negociación
A este respecto, Santos Canosa lembra que hai un ano Stolt Sea Farm xa tentara imporlle unha sanción a este empregado, que finalmente quedou sen efecto tras o recurso pertinente. "Agora a empresa pretende utilizar como argumento para despedilo que se trata dunha persoa que non acata as sancións, como se non tivera dereito á recorrer as decisións arbitrarias que se pretenden impor", asevera.
Nesta liña, Aboi reitera que nos atopamos diante dunha manobra da empresa para entorpecer a negociación do novo convenio e amedrentar o cadro de persoal para que non inicie mobilizacións na defensa dos seus dereitos.
O alcalde de Carnota tamén rexeita a actuación da empresa
Para máis abundar, o posto do traballador despedido está ocupado agora por un familiar directo do responsábel da planta. Esta decisión xerou rexeitamento non só entre os compañeiros e compañeiras da piscifactoría, senón que incluso o alcalde de Carnota, Ramón Noceda, que tamén participou na concentración deste mércores previa á celebración do xuízo polo despedimento, trasladou o seu malestar aos responsábeis de recursos humanos da empresa pola persecución sindical que se está a practicar contra o persoal afín á CIG.