SOS Sanidade Pública reclámalle a Feijóo que escoite as demandas sociais e sente a negociar

Anuncia novas mobilizacións e non descarta outra manifestación nacional se non recibe resposta
Nacional - 22 Feb 2018

Representantes da Plataforma SOS Sanidade Pública compareceron esta mañá en rolda de prensa para exixir ao presidente da Xunta que responda á súa “man tendida” e sente a negociar, máis tras da multitudinaria manifestación que percorreu as rúas de Compostela o pasado día 4 de febreiro. Xunto a isto anunciaron novas mobilizacións nas áreas sanitarias que se transforman en distritos e unha concentración diante do Parlamento, o vindeiro día 20 de marzo, coincidindo co pleno no que se debate o proxecto de reforma da Lei Galega de Saúde. Non descartan, ademais, convocar unha nova manifestación nacional se non reciben resposta do SERGAS e as súas demandas non son atendidas.

SOS Sanidade Pública alertou dos problemas que neste intre padece a sanidade pública galega e das consecuencias aínda máis graves que terá a contrarreforma que pretende aprobar no parlamento o Partido Popular.

Unha reforma que, segundo explicaron, recorta e desmantela os hospitais comarcais dificultando o acceso da poboación rural a  atención hospitalaria, malia ser a máis envellecida e máis necesitada de asistencia. Neste sentido advertiron que as e os enfermos “deberán percorrer moitos quilómetros para acudir aos hospitais xerais, dende O Barco de Valdeorras a Ourense 115 km en 1 hora e media; de Burela a A Coruña 94 km en 1 hora e 18 minutos; de Monforte a Lugo 66 km en 50 minutos, e de Vilagarcía a Pontevedra 16 km en media hora”.

Denunciaron ademais que coas modificacións introducidas na Lei redúcense a distritos as áreas sanitarias do Salnes, A Mariña, O Barco de Valdeorras e Monforte, recortando os seus recursos e deixándoas sen capacidade de decisión e de xestión, para centrar o poder nos grandes hospitais.

Deterioro da atención primaria

Porén na lei mantéñense as Estruturas de Xestión Integrada (EOXIS) perpetuando a subordinación e o deterioro da Atención Primaria as Xerencias Hospitalarias. “Dende a súa entrada en funcionamento, os recortes foron un 70% superiores aos aplicados nos hospitais, mentres que o seu orzamento baixou do 15,5% ao 13% do gasto do SERGAS”. Isto deteriorou, segundo afirmaron, aos Centros de Saúde “imprescindibles para garantir unha asistencia próxima a xente e as actividades de Promoción e Prevención da Saúde”.

Por iso lamentaron que a política sanitaria do SERGAS se basee no intento de curación da enfermidade, como negocio para a sanidade privada, e non na prevención.

Axencias sanitarias: chiringuitos

Xunto a isto, advertiron que o que se potencia son as Axencias Sanitarias, que definiron como “auténticos chiringuitos” para xestionar os centros e recursos (sangue, transplantes de órganos, formación do persoal e demais), onde se permite a laboralización, a perda de dereitos  e a precarización do persoal sanitario, que perderá ademais a súa capacidade de decisión nos tratamentos das/os doentes.

Alertaron de que se consolida ao tempo a privatización da investigación e a innovación sanitaria, poñéndoa en mans dos laboratorios farmacéuticos, empresas tecnolóxicas e fondos de investimento,  que controlan a Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde. “O SERGAS pon os cartos, os profesionais, os recursos diagnósticos e os enfermos, para experimentos que logo son patentados e vendidos polas  multinacionais. Nuñez Fejjoo pretende poñer o Sistema Sanitario Público Galego ao servizo do desenvolvemento empresarial,  en lugar de garantir a saúde da poboación”.

SOS Sanidade Pública tamén considera grave que se reduza e limite a participación social na Sanidade Pública, xa que a función dos Consellos de Saúde cinguirase a recibir información do SERGAS sen ningunha capacidade de control  real sobre a poboación e execución do Plan de Saúde canto a contratación de servizos sanitarios, concertos e subvencións coa privada, Memoria Anual, proxectos de Orzamentos Anuais, prestacións e carteira de servizos. Os membros dos Consellos serán ademais elixidos pola administración, quedando excluído o movemento veciñal e outros axentes sociais, pola súa actividade crítica e reivindicativa.

Para a plataforma a lei potencia o “favoritismo e a arbitrariedade” na contratación do persoal sanitario, ampliando a capacidade do SERGAS para adxudicar, sen concurso, os  postos de traballo no sistema, grazas á libre designación, dos seus amigos.

Debate social e profesional

Fronte a esta situación SOS Sanidade Pública defende a necesidade de abrir un “auténtico” debate social e profesional para mellorar a sanidade pública galega, no que se aborden cuestións como o mantemento as catro áreas sanitarias en perigo e o reforzamento e ampliación dos servizos e recursos dos hospitais comarcais, para garantir a asistencia de saúde de calidade a poboación rural en condicións de igualdade.

A plataforma defende tamén a supresión das EOXIS e recuperar as Xerencias de Atención Primaria, para garantir a autonomía e capacidade resolutiva dos Centros de Saúde, para potenciar a prevención e a promoción da saúde. Mellorar a colaboración da AP cos hospitais en condicións de equidade.

Potenciar a investigación

Canda isto aposta por potenciar a formación, investigación e innovación do SERGAS con recursos públicos; mellorar e potenciar a Participación Social na planificación e control do Sistema de Saúde Público,  sen exclusións en todas as estruturas do sistema; garantir a equidade de acceso ao sistema, dos mellores profesionais e traballadores en base a criterios de igualdade, mérito e capacidade; recuperar os recursos recortados, incrementar o persoal sanitario para acabar coas listas de agarda en hospitais e Atención Primaria e os colapsos nos Servizos de Urxencias.

Isto ademais de acabar coa maquillaxe das listas de agarda e coa ocultación de doentes nas listas non estruturais e modificar a Lei de Garantías dos Tempos de Espera que facilita a desviación de miles de paciente a centros privados, descapitalizando e privatizando o sistema sanitario público.  

Na rolda de prensa a Plataforma SOS Sanidade Pública fixo ademais entrega dun ANEXO no que se recollen datos pormenorizados da situación na que se atopan as áreas sanitarias quem polo seu interese, reproducimos íntegro:

Núñez Feijoo quere cambiar a Lei Galega de Saúde para reconverter as Áreas Sanitaria en Distritos de menor rango,  para alcanzar tres grandes obxectivos:

1.- Recortar e desmantelar os hospitais comarcais, para transformalos nunha especie dos antigos ambulatorios de especialidades, coa finalidade de reducir gasto. Economicismo.

2.- Recentralizar a xestión das áreas e Atención Primaria, para controlar o fluxo de pacientes aos grandes hospitais. O PP e Núñez Feijoo estan en contra da descentralización sanitaria e da autonomía de xestión . Hospitalcentrismo.

3.- Utilizar as listas de agarda asociadas a estas decisións, par desviar pacientes ao sector privado, utilizando a Lei de Garantías de Tempos de Espera, que entrou recentemente en vigor. Privatización.

As estratexias seguidas ata o de agora nas 4 áreas sanitarias, que se pretenden perpetuar,  responden a un mesmo patrón e pódense resumir:

1.- Baleirado de competencias das Xerencias dos hospitais e concentración dos recursos de apoio administrativo nos grandes hospitais de área.

2.- Peche de servizos especializados que se trasladan aos Complexos Hospitalarios o que incrementa a lista de agarda e obriga aos enfermos a trasladarse moitos quilómetros, dificultando o acceso á asistencia aos pacientes e un elevado custo para as familias que os coidan.

3.- Recortes no persoal especialista dos hospitais e na atención primaria. Nalgúns casos os profesionais van uns poucos días á semana a pasar a consulta.

4.-. Perda de capacidade resolutiva dos hospitais e da calidade na atención.

5.- Perda de capacidade resolutiva da Atención Primaria, relegada a un papel subalterno e a controlar os fluxos de pacientes aos hospitais, en detrimento da promoción e prevención de saúde.

6- Sobrecarga de traballo para as/os traballadores, que repercute sobre a calidade da atención.

7.- Perda de postos de traballo e na economía destas as áreas.

8.- Privatizacións nos servizos de apoio e dos aparcamentos o que supón novos copagos para enfermos e familiares.

Área Sanitaria do Barco de Valdeorras

1.- Recortáronse servizos, recursos diagnósticos e persoal cunha gran perda da capacidade resolutiva do Hospital Comarcal.

Perda de recursos:

  • Suprimíuse o servizo de Uroloxía. A consulta é atendida por profesionais do Hospital de Ourense que non van todolos días.
  • No servizo de Rehabilitación suprimíronse as dúas prazas. Só hai consulta dous días á semana por especialistas de Ourense.
  • Análises clínicos: boa parte dos recursos trasladáronse ao CHOU.
  • Anestesia: a falta de especialistas obriga, ante calquera dificultade, a desviar pacientes a Ourense.
  • Recortáronse tres pediatras de 4 a 1. Iso supón un risco en atención para os neonatos (partos).

Perda de capacidade resolutiva:

  • Cirurxía (deixáronse de realizar intervencións oncolóxicas).
  • Laboratorio por desprazamentos de probas ao CHOU.
  • Radioloxía a RNM realízase nun camión móbil.
  • Xinecóloga: derívase a Ourense calquera complicación. As consultas son atendidas so algúns días á semana por profesionais desprazados/as de Ourense.

Especialidades atendidas algúns días á semana por profesionais desprazados/as desde Ourense:

  • Endocrinoloxía atendida por profesionais do Hospital de Ourense que non van todos os días.
  • Dixestivo: consultas externas 4 días de consulta á semana. A primeira consulta é por vía informática sen ver ao paciente.
  • Cardioloxía e Neuroloxía: atendidas por profesionais desprazados/as de Ourense.

2.- Perda de autonomía e capacidade para xestionar a área:

  • A xerencia esta subordinada á EOXI de Ourense.
  • Carécese de orzamento propio.
  • Descoñécese o cadro de persoal.

3.- Privatización de servizos:

  • Privatizóuse o mantemento.
  • Calquera problema é solucionado por unha empresa de Monforte.

 Área do Salnes

Recortes e peche de especialidades:

  • Peche da Sala de Dixestivo, trasladado o Complexo Hospitalario de Pontevedra (CHOP). Como consecuencia, casi 40 pacientes teñen que desprazarse a Pontevedra para recibir a atención.
  • Eliminación da unidade de Parto Natural (que supuxo a perda da acreditación de Hospital Amigo de los Niños de Unicef (só a teñen  sete centros en todo o Estado). 
  • O servizo de Psiquiatría realiza as interconsultas de doentes ingresados/as por teléfono (sen que sexa visto/a polo especialista).
  • Redución do Servizo de Farmacia, reconvertido nunha Unidade de Dispensación.

Supresión das especialidades de:

  • Neuroloxía.
  • Androloxía.
  • Saúde Sexual (a de Galicia).
  • A sección de Otorrinolaringoloxía

Pérdida de autonomía:

Importantes servizos asistenciais pasaron a depender dos servizos correspondentes do CHOP :

  • Medicina Interna.
  • Radiodiagnóstico.
  • Uroloxía.
  • Oftalmoloxía.
  • Diestivo.

O centro perdeu a sua autonomía de xestión a favor do CHOP, que controla tamén boa parte dos recursos administrativos: Informática, Control de Xestión, Contabilidade, Persoal, Almacéns, Compras e Suministros.

Paralización de ampliacións previstas:

  • Unidade de Hemodiálise.
  • Servizo de Corta Estancia.
  • Ampliación da hospitalización a domicilio.
  • Sala de tratamentos oncolóxicos.
  • Sala de partos.

Tampouco se cumpriron as previsións de renovación do equipamiento tecnolóxico.

Atención Primaria:

Cerráronse os servizos de Radioloxía e Análises Clínicos da Casa do Mar de Vilagarcía deixando sen recursos de radiodiagnóstico e analíticas o Centro de Atención Primaria.

Non se cubriron as vacantes por xubilación.

Área da Mariña

1.- Hospital da Costa: recortáronse recursos e incrementaronse as deficiencias asistenciais que obrigan aos pacientes e familiares a desprazarse ao Complexo Hospitalario de Lugo e a hospitais privados de Lugo, a 117 km. e hora e media.

  • Os problemas son especialmente importantes nas Consultas Externas e os Servizos Centrais (diagnósticos).
  • Cirurxía vascular.
  • Non hai recursos.
  • Todas as intervencións (como as varices) envíanse a Lugo, a maioría: a sanidade privada.

Pediatría:

  • Existe servizo para atender aos nenos prematuros, sen embargo o 100% dos casos son derivados a Lugo, o que supón un risco, que complica a atención do parto e grandes problemas de acompañamento na estadía hospitalaria e nas visitas familiares.

Traumatoloxía:

  • Falta unha praza de especialista.
  • Todos os problemas de cirurxía de xeonllo son enviados a Lugo.
  • Falta unha Rehabilitadora e fisioterapeutas. Gran parte da rehabilitación está concertada coa sanidade privada.

Cardioloxía:

  • Falta unha praza de especialista.
  • Deixáronse de implantar e cambiar marcapasos.

Anatomía patolóxica:

  • Falta un profesional facultativo e dous técnicos.
  • Moitas mostras son enviadas a Lugo e a outros centros, producíndose moito retraso nos informes e incluso o extravío de mostras.

Servizo de Radioloxía:

  • As probas de Resonancia Magnética (RNM) fanse nunha unidade móbil instalada nun camión que acode ao área unha vez ao mes. A maioría das probas son enviadas a centros privados de Lugo.
  • Non existen recursos para realizar ortopantomografías.

Faltan dúas prazas de enfermería e unha de celador na quenda de noite (sobrecarga e problemas de atención aos pacientes hospitalizados)

2.- Producíronse serios recortes de recursos no persoal de Atención Primaria:

  • Amortizáronse 5 prazas de medicina familiar.
  • Falta persoal de enfermería (a rateo dunha praza de medicina por outra de enfermería non se respecta).
  • Carencia de pediatras.
  • Recortáronse prazas de persoal técnico de coidados de enfermaría.

3.- Novas dificultades para acceder ao Hospital:

As prazas de aparcamento que antes eran gratuítas agora serán de pago. O que supón unha privatización deste servizo para pacientes e familiares e un novo copago por enfermidade.

Área de Monforte

1.- Hospital de Monforte

Perdéronse especialistas con desaparición práctica destas especialidades e aumento espectacular das listas de agarda nestas patoloxías.

  • 1 en Dixestivo (contratóuse provisionalmente un internista).
  • 1 en Cardioloxía, por xubilación e que non se cubrirá.
  • Non se cubriu durante moito tempo unha praza de radioloxía polo que a listas de agarda de TAC e Resonancia (RNM) supera os noves meses.
  • A lista de agarda de endoscopias supera os 9 meses.

Déficit de recursos asistenciais:

  • Só hai consulta de alergoloxía unha vez á semana e as probas realízanse en Lugo por falta de recursos.
  • Faltan profesionais de enfermería, auxiliares de clínica e (non se cubriron un total de 22 prazas). Esta situación xera unha gran sobrecarga de traballo.

Perda de autonomía de xestión:

  • A maioría das decisións adóptanse na Xerencia do Hospital de Lugo (HULA).
  • A mala xestión do servizo de Cirurxía condiciona que (pese a ter os mesmos recursos que o de Traumatoloxía que apenas ten lista de agarda) só realice operacións de pacientes de baixa complexidade, remitindo á maioría de enfermos a Lugo.
  • Privatizáronse recursos de apoio á xestión e a asistencia sanitaria: Informática, Mantemento e Electromedicina.
  • Non se cubriu a praza por xubilación dunha telefonista. A falta de recursos fai que os fins de semana esta actividade este cuberta desde Lugo.

2.- Atención Primaria:

Non se cubriron as prazas vacantes por xubilación nos Centros de AP de Monforte, Pobra do Brollón, Escairón e Chantada.