SOS Sanidade Pública presenta máis de 50.000 sinaturas avalando a súa ILP en defensa da Atención Primaria
Representantes da Plataforma SOS Sanidade Pública presentaron esta mañá, no rexistro do Parlamento de Galiza, máis de 50.000 sinaturas en apoio á ILP en defensa da Atención Primaria, a que maior respaldo cidadá ten acado na historia da democracia en Galiza. Tras do acto de entrega dos pregos fixeron un chamamento a participar na manifestación convocada para este domingo día 12 de febreiro, con saída ás 12:00 horas da Alameda compostelá. Unha mobilización na que agardan unha participación multitudinaria e para a que xa hai fletados autobuses polas plataformas de multitude de localidades galegas.
“O número de sinaturas recollidas, que pode seguir aumentando até o remate oficial do prazo, é unha mostra do clamor popular que hai en defensa da sanidade pública e, nomeadamente, da Atención Primaria”, explicaba o portavoz de SOS Sanidade Pública, Manuel Martín, ás portas do pazo do Hórreo. E é que para poder levar ao Parlamento de Galiza unha Iniciativa Lexislativa Popular son precisas un mínimo de 10.000 sinaturas. Un número que se quintuplicou co apoio masivo amosado polas galegas e galegos.
Por iso Martín agradeceu ás miles de persoas asinantes, aos plenos municipais e deputacións o seu apoio, mais tamén o inxente traballo desenvolvido durante estes meses polas plataformas locais, organizacións sociais, políticas e sindicais, especialmente o da CIG, no proceso de recollida de apoios en cidades e vilas de todo o país.
A Atención Primaria en risco
O portavoz de SOS Sanidade Pública salientou o “enfado” e “rexeitamento” contra da situación “tan terrible que temos neste momento na atención primaria” que, advertiu, “está realmente en risco de desmantelamento e probablemente, a medio prazo, de privatización, se non poñemos remedio a esta situación”.
Negou a acusación do goberno galego, que di que “estamos só protestando”. Nese sentido explicou que “tamén presentamos propostas concretas, factibles e aplicables para resolver a situación da Atención Primaria” que, denunciou, “está a provocar que a poboación teña gravísimas dificultades para acceder aos médicos e médicas de familia, porque a maior parte das consultas son telefónicas, en lugar de presenciais, ou que teñen que agardar máis dunha semana, nalgunhas localidades máis, para poder ser atendidos e para recibir unha chamada dos centros de saúde para saber que lle pasa”.
Incremento da mortalidade
Martín asegurou que isto está a repercutir na situación hospitalaria, “cunhas listas de agarda absolutamente inaceptables”. Unha situación que considerou que pode explicar o incremento, sen precedentes, da mortalidade, tanto a evitable como a xeral e que non se explica nin pola epidemia da covid nin pola calor do verán. “Explícase porque a situación da sanidade está tremendamente complicada e a poboación non recibe, en tempo e forma, a atención que precisa para os seus problemas de saúde”.
Incremento orzamentario
O portavoz de SOS Sanidade Pública lamentou non poder incluír no texto da ILP, porque a lexislación non o permite, a demanda dun incremento orzamentario. Nese sentido afirmou que “non é posible prestar unha atención sanitaria de calidade só co 14% do gasto sanitario total”. Fronte a isto subliñou que SOS Sanidade Pública está reclamando que se destine á Atención primaria o 25% do gasto sanitario.
Lembrou que a ILP recolle ademais demandas como a consulta presencial e cadros de persoal acaídos para atender as necesidades da poboación, cun incremento do número de efectivos de persoal médico, persoal de enfermería e persoal do resto dos corpos que traballan nos centros de saúde. Isto xunto coa incorporación dunha serie de profesionais, que agora mesmo non están no sistema mais que son necesarios, como psicólogos/as, fisioterapeutas, logopedas, traballadoras e traballadores sociais, porque, dixo, “moitas das demandas da poboación teñen que ver con doenzas derivadas da grave situación xeral que estamos atravesando”.
O representante da plataforma social concluíu subliñando que “queremos recuperar todo o que recortou durante estes anos o goberno da Xunta de Galiza, mais tamén medidas concretas que permitan mellorar o sistema e garantir o que ten que ser a Atención Primaria: unha atención integral baseada na prevención e promoción da saúde, o traballo comunitario e a participación social”.
Manifestación o domingo
SOS Sanidade Pública agarda que diante do respaldo da ILP e despois da mobilización do domingo a Xunta de Galiza reaccione. “Non é posible que o goberno non responda, que o grupo parlamentario do grupo popular no Parlamento de Galiza non responda. Ten que responder, porque non é unha demanda de catro ou cinco, é unha demanda que probablemente reflicta o sentir de toda a poboación galega, independentemente de se son votantes do PP ou non, porque todo o mundo está, desgraciadamente afectado por esta situación tan dramática, polas dificultades para acceder aos coidados da súa saúde”.