SOS Sanidade Pública pregunta a Xerencia de Compostela se as consultas de tarde habilitadas para oncoloxía son temporais ou non
SOS Sanidade Pública de Compostela recibe con alarma que algunhas das revisións destes/as doentes, algúns que levan máis de cinco anos libres de enfermidade, poidan ser trasladadas a atención primaria. “Non dubidamos da alta capacidade de primaria para atender esta e outras patoloxías xa que os médicos/as son os especialistas que se ocupan de todos os problemas de saúde e que desenvolven un enfoque orientado as persoas, promovendo unha continuidade lonxitudinal da atención de acordo co que determinan as necesidades das/os doentes desde o nacemento até o falecemento”.
Porén advirten do desmantelamento que este goberno fixo da atención primaria, limitando e mesmo diminuíndo os recursos humanos, coa amortización de prazas, incremento do número de tarxetas sanitarias, contratos a media xornada para cubrir xornadas completas ou simplemente a non cobertura de ausencias de titulares en vacacións, ITs, dificulta cada día máis unha prestación de calidade.
SOS Sanidade Pública de Compostela denuncia ademais que este goberno anulou os protocolos establecidos para que os médicos/as de primaria puideran solicitar resonancias, TACs e todo tipo de exploracións complementarias necesarias para o seguimento das patoloxías de doentes oncolóxicos e outras. “Protocolos establecidos no Plan Mellora de Atención Primaria que o goberno suprimiu sen dar ningunha alternativa”.
Alerta de que isto vai afectar a enfermería de primaria que padece as mesmas condicións de desmantelamento, sufrindo os mesmos recortes que a atención primaria, sen que tampouco exista no hospital unha enfermeira/o xestor/a de procesos oncolóxicos que puidera ser referencia das enfermeiras/os de primaria.
SOS Sanidade Pública exixe, polo tanto, a dotación dun cadro de persoal facultativo nos servizos de oncoloxía acorde coas necesidades e que a consellaría de sanidade e a xerencia de Compostela sitúe nos niveis de calidade que lle corresponde a atención primaria antes de adoptar ningunha medida que veña a agravar a situación das/os doentes.