SOS Sanidade Pública mobilízase en cidades e vilas galegas en defensa da Atención Primaria
Plataformas de SOS Sanidade Pública de diferentes localidades e vilas celebraron hoxe concentracións por toda Galiza en defensa da Atención Primaria e da ILP “para Salvar e Fortalecer a Atención Primaria”, presentada no Parlamento de Galicia co apoio de máis de 40.000 firmas, que será debatida o vindeiro 9 de maio no Parlamento Galego. Unha xornada na que a plaforma cidadá ten previsto convocar unha concentración coincidindo con seu debate e toma de consideración diante do Pazo do Hórreo.
Nas distintas mobilizacións deuse lectura a manifestos nos que se lembra a enorme mostra de descontento social, co estado da Sanidade Pública Galega, que supuxo a mobilización celebrada na Praza do Obradoiro e apoiada por máis de 50.000 persoas, moitas delas persoal sanitario, decenas de alcaldes, líderes sindicais e políticos e líderes de organizacións sociais de todo tipo. Unha mobilización que, denuncia, “foi respondida con desdén, desprezo e prepotencia polos responsables da Xunta do PP, que informaron que se ían a comer o cocido a Lalín”.
SOS Sanidade Pública lamenta que desde aquela nada cambiara na política sanitaria galega porque “continúa a falta de persoal sanitario, seguen pechadas consultas e PACs, as listas de agarda continúan crecendo e a xente enferma é é tratada maioritariamente mediante consulta telefónica”.
Canda isto afirma que as únicas medidas adoptadas, consistiron en “pequenas melloras salariais para o persoal médico, aprobar o acceso a prazas sanitarias sen exáme, pequenos cambios burocráticos ou suprimir a obrigatoriedade da dedicación exclusiva do persoal do sistema público, para beneficiar á privada e a unha elite de médicos e médicas, moi minoritaria e sen representación na Mesa Sectorial”.
Perder a sanidade pública, un desastre de consecuencias incalculables
Para a Plataforma, que apunta que até o de agora tiñamos unha das mellores Atención Primaria e Sanidade Pública do mundo, recoñecidas internacionalmente, advirte de que “perdela, suporía un desastre de consecuencias incalculables para a saúde da poboación, para o sistema sanitario público e para o persoal sanitario”. Nese sentido, lembra que “destruír a Atención Primaria Publica é o primeiro paso para a privatización do sistema e para abrir as portas aos seguros privados sanitarios”.
Considera que ningún sistema, por forte que sexa, “pode sobrevivir á falta de financiamento; a mala organización e xestión; aos recortes de persoal; as barreiras de acceso aos Centros de Saúde e PACs; ao abandono da atención integral, á promoción, prevención e rehabilitación; ao sometemento da Atención Primaria ás Xerencias Hospitalarias; a supresión das Áreas Sanitarias que permitirían coordinar os recursos sanitarios, socio-sanitarios e administracións locais; ou acabar coa participación social e profesional”.
Incrementar o orzamento o 25%
A plataforma reclama un incremento do orzamento da Atención Primaria “até o 25% do total sanitario, recuperar e incrementar o persoal, incorporar novas categorías profesionais aos equipos, mellorar a dotación e equipamento dos Centros de Saúde e PACs, poñer a AP non eixo do sistema e recuperar o seu carácter Participativo e Comunitario, para garantir unha atención integral e actuar eficazmente sobre os determinantes dá saúde”.
Supresión do plus
No mesmo sentido se manifestaba o secretario nacional da CIG-Saúde, Manuel Moreira, en representación de SOS Sanidade, que participou na concentración convocada pola mañá en Compostela. A preguntas dos xornalistas explicou que hai dous acordos enriba da mesa, un coa organización CEMS, “que vai en contra do modelo de sanidade pública que nós defendemos e contra o recoñecemento do compromiso das e dos profesionais da sanidade pública”. Un recoñecemento que considerou que ten que ter “unha prestación económica”, en referencia ao o complemento específico que, explicou, “retribúe a dedicación exclusiva á Sanidade”.
Considerou que hai un “evidente conflito de intereses” e que para potenciar a sanidade pública son necesarias/os profesionais comprometidas/os. Por iso afirmou que o acordo de CEMS “vai en contra disto”, mais tamén porque aposta por un modelo de Atención Primaria “diferente do que defendemos tanto na CIG-Saúde, como en SOS Sanidade Pública”.
Fronte a ese modelo defendeu o que aposta por “unha atención primaria vertebradora do territorio, achegada á cidadanía, que garanta a equidade, a proximidade e a accesibilidade, con pediatras no centro de saúde, con matronas e coa incorporación de novos profesionais, como psicoloxía clínica, que son fundamentais para tratar a saúde mental”.
Considerou que o acordo acadado na Mesa Sectorial “intenta mellorar as condicións de traballo, coa rebaixa de xornada semanal a 35 horas e mellorando as condicións máis precarias, para facer máis atractivo traballar na sanidade pública galega e poder atraer a máis profesionais”.
Con todo matizou que aínda hai máis cuestións que quedan por negociar, como o plan de ordenación de recursos humanos; incorporar máis profesionais para atender con calidade ás e aos doentes e reforzar o orzamento da atención primaria.
Iniciativa Lexislativa Popular
En nome de SOS Sanidade Pública salientou a ILP promovida pola plataforma, que considerou que marca a liña do que hai que facer na defensa da atención primaria: “reforzar os profesionais, as carteiras de servizo de cada unha das profesionais que xa estamos na atención primaria, pero incorporar tamén novos profesionais ao sistema que poden aportar a súa experiencia e o seu traballo na resolución dos problemas da maiorías das persoas que acoden a atención primaria”.
Nun contexto de necesidades crecentes apuntou que tamén as e os profesionais “teñen que crecer” e demandou que haxa “ratios de profesionais que permitan ter axendas de verdade de calidade para ver ás e aos doentes con tempo”, unha atención primaria accesible e que non haxa listas de agarda na atención primaria.
Neste sentido considerou que, coas listas de espera, “se pode estar retrasando o diagnóstico precoz de problemas ou facendo que problemas que se agudizan non os detectemos a tempo e estamos pagando de feito as consecuencias de que non se fixera ese traballo durante a pandemia”.
Do mesmo xeito pediu a incorporación de profesionais para atender o que definiu como novas formas de enfermar, porque “hoxe o peso importante non son as enfermidades agudas, senón as crónicas, e temos que xestionar a cronicidade, temos que darlle calidade a eses anos que gañamos e temos que facer fronte a un terceiro desafío, que é o da saúde mental, tamén desde a atención primaria”.
Peor para iso reclamou para a atención os orzamentos que as organizacións internacionais consideran que son necesarios. E concluíu asegurando que estes orzamento “non son un gasto, son un investimento. Evitamos complicacións, evitamos enfermidades, evitamos que as e os doentes teñan que acurdir aos hospitais en peores condicións e por iso insistimos tanto en apostar pola atención primaria. Iso é o que recolle, en termos dun marco legal, esta ILP, esa aposta pola primaria”.