SOS Sanidade Pública lanza unha ILP para salvar a Atención Primaria en Galiza
A plataforma social SOS Sanidade Pública presentou esta mañá en Compostela, coincidindo co inicio do proceso de recollida de sinaturas, unha Iniciativa Lexislativa Popular para levar o Parlamento de Galiza a situación na que se atopa a Atención Primaria e a exixencia de que se adopten medidas inmediatas para salvala. Segundo explicou o seu portavoz, Manuel Martín, o obxectivo é, ademais, abrir un debate social e continuar presionando ao goberno galego con mobilizacións en cidades e vilas para que se garanta unha atención sanitaria pública, universal e digna.
Martín denunciou que a consellaría de Sanidade leva anos recortando a Atención Primaria e a Sanidade Pública no seu conxunto, para reducir gasto, desmantelar o sistema sanitario público e favorecer ao privado. Xunto a isto, acusou ao SERGAS de ser “incapaz” de planificar e xestionar a Atención Primaria, “poñendo en risco a continuidade do sistema”.
Xunto a isto apuntou que o persoal “reduciuse a menos da metade en moitos centros de saúde e PAC”, mentres que a prioridade da consulta telefónica, as barreiras para contactar e conseguir cita, os peches de centros e PAC “limitan o acceso á asistencia sanitaria e crean listas de espera inaceptables”.
Esta situación ten provocado a desaparición, na maioría dos centros, da promoción, prevención, rehabilitación, participación e o traballo comunitario, mentres que o persoal ademais de estar sometido a unha situación de presión inadmisible, “padece unhas condicións laborais inestables e precarias incompatibles cunha atención de calidade”.
Fortalecer a Atención Primaria
Por iso, as plataformas que integran SOS Sanidade Pública promoveron esta ILP, para que o parlamento de Galiza debata e aprobe unha serie de medidas para rescatar e fortalecer a Atención Primaria. Entre outras cuestións demándase incrementar e dimensionar o persoal, priorizar a atención presencial, reabrir os centros e PAC pechados, dar participación á poboación e o persoal na planificación e xestión dos centros ou acabar coa precariedade laboral.
O seu obxectivo é conseguir miles de sinaturas, para o que instalarán mesas diante dos centros de saúde, hospitais e mercados, para abrir un debate social sobre a situación da Atención Primaria e as medidas necesarias para salvala e fortalecela e manter, parello a isto, as mobilizacións de protesta en todas as localidades de Galiza contra o desmantelamento do primeiro chanzo da sanidade pública, esencial para a saúde da poboación.