SOS Sanidade Pública exixe uns orzamentos para 2025 suficientes para garantir unha atención sanitaria digna

Reclama que se de cos medios humanos suficientes a Atención Primaria para rematar coas listas de agarda
Nacional - 17 Dec 2024

Representantes de diversas plataformas locais sumáronse á convocatoria de SOS Sanidade Pública para protestar contra os orzamentos presentados polo Partido Popular no Parlamento para o ano 2025. Denuncian a grave crise que atravesa a sanidade pública e exixen solucións que pasan por destinar as partidas necesarias para garantir os medios humanos e materiais necesarios unha atención digna e de calidade.

Foi Manuel Martín, portavoz da plataforma, quen denunciou que a sanidade pública sofre unha crise evidente. “Temos gravísimos problemas para acceder á atención primaria, temos unhas listas de agarda tremendas, que cada vez son máis importantes, temos os traballadores do sistema sanitario moi enfadados coas condicións de traballo precarias e pola inestabilidade e non temos apenas servizos de saúde pública porque o orzamento é moi baixo”.

Por iso considerou que cos orzamentos que o Partido Popular vai aprobar para o ano 2025 “a Xunta de Galicia pretende manter esta situación porque os gobernos falan a través dos orzamentos sanitarios”.

Sen incrementos

Segundo explicou, o orzamento sanitario deste ano non sobe apenas nada respecto ao 2024. En canto á Atención Primaria asegurou que “mantemos unha situación dun 14% do gasto que é un baixísimo, moi lonxe do 25% que promove a Organización Mundial da Saúde”.

Considerou que os hospitais públicos “están a traballar a medio ritmo”, que pola tarde quedan todos os servizos baleiros e que isto ocorre “a pesar de que as listas de agarda son moi importantes”.

Por iso concluíu afirmando que “o goberno galego renuncia a mellorar a situación da atención primaria”, unha situación fronte á que, dixo “queda máis remedio que a mobilización” porque “esta situación é absolutamente inaceptable”.