SOS Sanidade denuncia que o Sergas poxa o edificio Cíes a pesar das necesidades sanitarias de Vigo
Representantes da plataforma SOS Sanidade Pública compareceron hoxe en rolda de prensa diante do policlínico Cíes para denunciar que a Xunta renuncia ao edificio -que hoxe sae a poxa pública por 3,5 millóns- “a pesar da necesidade de infraestruturas sanitarias na área de Vigo, e das listas de espera máis altas de Galiza”. Reclaman que o inmoble acolla un centro de alta resolución, ou cando menos que manteña o uso sociosanitario.
Dende a plataforma critican que coa decisión da Xunta de desfacerse dun inmoble que pertence á Seguridade Social pérdese unha dotación sanitaria importante para a cidade e lembran que instalacións deste tipo son necesarias dentro da trama urbana. “Temos as listas de espera máis altas de Galiza, tanto cirúrxicas como de diagnóstico, polo que sería moi boa idea ubicar neste edificio un centro de alta resolución, sobre todo despois de que o Anexo 1 do hospital Xeral tampouco vai ser destinado a usos sanitarios”, explicou o voceiro do colectivo, Manuel González Moreira, da CIG.
Con todo, no caso de que non fose posíbel que acolla esta dotación, dende SOS Sanidade Pública consideran que o edificio ten que destinarse a usos sociosanitarios. “Nun principio, cando se planificou a reordenación de espazos pola apertura do Hospital Álvaro Cunqueiro, tiñan proxectado que os usos fosen administrativo-sanitarios, en concreto para ser a sede da Xerencia de Atención Primaria”.
Mais o Sergas devolveu o inmoble ao seu propietario, a Tesouraría da Seguridade Social, que este luns o saca a poxa por 3,5 millóns de euros. “A Xunta non defendeu os intereses dos cidadáns ao devolvelo, e agora póxanse unhas instalacións que son necesarias, e destínanse a uso privado”, criticou Moreira.
Responsabilidade da Xunta e do Concello
Ao mesmo tempo, aseguraron que o hospital Álvaro Cunqueiro non cobre todas as necesidades sanitarias da área. “Nin hai boa atención como consecuencia da falta de persoal e das deficiencias das instalación, nin sequera bo transporte público para chegar”. Tamén entenden que, ademais da Xunta, o Concello de Vigo “ten responsabilidade” na situación sanitaria, xa que “facilitou” a apertura do novo hospital e non se opuxo ao derrubo do Anexo I do Xeral.
“Agora a Administración renuncia a unha instalación pública cando nun futuro próximo haberá que construír novos edificios, dándolle negocio a unha grande empresa, polo que todo este custe a maiores vai ter que ser sufragado polo conxunto da cidadanía”, rematan.