SOS Sanidade Pública denuncia a Consellaría polas lesións que provocan as agullas das insulinas para persoas diabéticas
Na denuncia explican que son os centros de saúde os que entregan ás e aos doentes diabéticos agullas descartábeis para a administración de insulina mediante plumas precargadas, para a súa auto-inxección. Para que a insulina se absorba correctamente debe inxectarse, preferibelmente, no tecido subcutáneo do abdome, onde se demostrou unha máis rápida absorción, en coxas ou brazos. Por tanto, unha correcta escolla do tamaño da agulla é fulcral para conseguir un tratamento efectivo e seguro.
Segundo a Plataforma, no caso do Servizo Galego de Saúde, as agullas para pluma de insulina proporcionadas aos doentes están fornecidas pola empresa Prosaga, S.L. Agullas que aseguran que “presentan constantes problemas de seguridade, con eventos adversos e complicacións” diversas.
Entre outras sinalan que non enroscan ben na pluma, o que provoca fugas ou derrame de insulina e polo tanto a administración dunha cantidade inferior á necesaria, con mudanzas no control metabólico, como hiperglucemias ou hipoglucemias.
Denuncian ademais que se dobran, causando desgarros ao retirarse do corpo, o que provoca “dor intensa, sangramentos, hematomas, abscesos e inchazo”. E non só iso, aseguran tamén que “parten dentro do corpo do doente, requiríndose en moitas ocasións intervencións cirúrxicas para extraer a agulla” e producen edemas en doentes que, en moitos casos, deben auto-inxectarse insulina dúas ou tres veces ao día. Isto xunto con problemas psicolóxicos, sobre todo en nenos con medo a pincharse polo dor.
A plataforma asegura que estas complicacións son de sobra coñecidas polas autoridades da Consellaría de Sanidade, ao teren sido reiteradamente evidenciadas tanto polas asociacións de diabéticos como pola Plataforma S.O.S. Sanidade Pública, mediante denuncias á Valedora do Pobo e preguntas formuladas no Parlamento de Galiza a través dos grupos parlamentarios.
SOS Sanidade Pública considera que estes feitos poderían ser constitutivos de delitos de lesións tipificados no artigo 147 do Código Penal