SOS Sanidade Pública de Vigo amosa o seu apoio ao peche contra o desmantelamento do Meixoeiro
SOS Sanidade tomou a decisión de facer público o seu apoio ao peche indefinido que se está a realizar no Meixoeiro dende o pasado día 1 nunha xuntanza celebrada este mércores no interior do hospital. A plataforma tamén anunciou que participará na manifestación convocada pola xunta de persoal da área sanitaria e por SOS Meixoeiro para o 22 de xuño dende a entrada principal do centro médico ás 20.00 horas.
O colectivo en defensa da sanidade pública argumentou a súa decisión sinalando que coincide plenamente coas demandas expresadas polos promotores das mobilizacións:
-Apertura de todas as camas de hospitalización.
-Apertura da Unidade de Críticos/as.
-Contra as derivacións á sanidade privada.
-Por un plan de choque contra as escandalosas listas de espera.
Ao mesmo tempo, SOS Sanidade de Vigo lembra que xa ten expresado que a reordenación da área sanitaria debera basearse na integración de todos os recursos asistenciais para evitar a fragmentación e descoordinación entre centros, servizos e niveis asistenciais e na creación de novos recursos para completar unha oferta asistencial racional e axustada ás necesidades e ao volume de poboación.
Neste senso considera que, tendo en conta a visión global dos recursos dispoñíbeis na área sanitaria, é necesario reclamar para o hospital do Meixoeiro as seguintes cuestións:
-Manter o seu funcionamento como hospital xeral programado aínda que sen porta de Urxencias, recuperando as camas e recursos recortados.
-Concentrar a actividade oncolóxica neste hospital aproveitando e axustando a dotación tecnolóxica específica xa dispoñíbel neste centro para atender estas patoloxías, convertendo ao Chuvi en referencia oncolóxica para o sur de Galiza.
-Situar neste centro todos os recursos de Cirurxía Programada (Maior Ambulatoria e con Ingreso) da área, aproveitado os seus quirófanos e as camas cirúrxicas (axustándoas segundo necesidades) e creando unha unidade de atención a pacientes críticos/as polivalente.
-Consolidar a Unidade de Coidados Paliativos (co 100% das camas situadas en habitacións individuais).
-Esta especialización determina a necesidade de manter unidades de diagnóstico por imaxe e laboratorio.
Finalmente, dende a plataforma fan un chamamento á cidadanía da área sanitaria a que participe na manifestación do 22 de xuño e apoie o peche que se está a realizar no Meixoeiro.