SOS Sanidade Pública convoca unha manifestación para instar o Sergas a “reconstruír” a área sanitaria de Vigo
A plataforma SOS Sanidade Pública de Vigo chama a cidadanía a participar na manifestación convocada este xoves 4 de decembro dende a Praza dos Cabalos ás 19:00 horas para reclamarlle ao Sergas que proceda a “reconstruír” a área sanitaria ante a crise que atravesa a Atención Primaria e ax problemáticas que afectan o ámbito hospitalario.
Tal e como explicou hoxe en rolda de prensa o voceiro da plataforma, Manuel Moreira, o conxunto da área sanitaria atópase nunha situación de crise “que levamos tempo denunciando, sen que dende o ano pasado houbese algún cambio substancial que permita albiscar unha mínima esperanza de mellora”. Máis ben todo o contrario: a Atención Primaria conta con menos recursos, nomeadamente nos concellos da contorna, que están a quedar sen profesionais de medicina de familia e de pediatría; e as listas da agarda no ámbito hospitalario non deixan de medrar, “a pesar da manipulación dos datos”, segundo denunciou Moreira.
Neste contexto, os orzamentos para 2026 que se presentaron no Parlamento “son máis do mesmo” e van supoñer un ano máis de crise sanitaria na área viguesa. “Por iso chamamos a cidadanía a mobilizarse para forzar a súa reconstrución; temos que reverter a situación do hospital Álvaro Cunqueiro e recuperalo para o ámbito público co obxectivo de dotalo dos recursos necesarios que permitan atender o 100% da poboación; temos que reforzar a Atención Primaria, especialmente nos concellos do rural, nos que está máis debilitada que nunca e nos que se ofrece unha calidade asistencial moi limitada por falta de recursos”.
Mais tamén é necesario “reconstruír” o conxunto da atención hospitalaria para rematar co feito de que unha parte da poboación estea asignada a un hospital privado como é Povisa, para que consideran imprescindíbel dotar a sanidade pública dos medios necesarios para poder facerse cargo da súa atención nun hospital 100% público. Neste senso, lamentou que aínda se están a padecer as consecuencias do proceso de licitación, construción e xestión do Álvaro Cunqueiro, “que foi a grande oportunidade perdida para esta área sanitaria”.
E lembrou que o propio Consello de Contas publicou un informe no que se cifra en 470 millóns de euros o sobrecusto da infraestrutura, “uns cartos que se puideron destinar a reforzar a sanidade pública, no canto de construír un hospital máis pequeno que non cubre as necesidades da cidadanía, ademais de manterse o negocio dunha sanidade privada que non deixa de incrementar os seus beneficios”. Por iso dende a plataforma consideran que todo isto non pode quedar impune e que a sociedade ten que seguir a denunciar este modelo de xestión e a reclamar a mellora da área sanitaria.
Ao mesmo tempo, inciden en que as consecuencias destas políticas son a falta de pediatría nos centros de saúde, a escaseza de profesionais de medicina de familia e as dificultades en enfermaría para atender os pacientes crónicos e para garantir unha atención domiciliaria de calidade. Tamén se rexistran dificultades de acceso aos centros de saúde porque as áreas sanitarias administrativas e o seu persoal están sobrecargadas e problemas para prestar servizo de fisioterapia, polo que se están a derivar pacientes á sanidade privada, cando temos persoal suficiente desta especialidade nas listas de contratación públicas. De igual xeito que é necesario reforzar a atención á saúde metal, xa que se trata dunha problemática emerxente na nosa calidade á que se lle podería dar resposta tamén dende a Atención Primaria incorporando a psicoloxía clínica.
Finalmente, demandan a potenciación de recursos de atención hospitalaria na zona urbana de Vigo mediante o Centro de Alta Resolución que estaba previsto, así como a construción doutro Centro de Alta Resolución na comarca do Morrazo que garanta unha atención próxima das necesidades hospitalarias da veciñanza. “Un centro que xa tiña ubicación e no que habería que incluír un PAC para atender Cangas e Moaña; pero mentres que isto non se produce reclamamos que se remate dunha vez o centro de saúde de Moaña e que se dote do PAC que foi trasladado a Cangas coa escusa da pandemia da covid”.