SOS Sanidade Pública convoca unha manifestación este domingo 6 de abril en Compostela

Nacional - 04 Abr 2025

A A Plataforma SOS Sanidade Pública ten convocada unha gran mobilización para o domingo 6 de abril en demanda dunha sanidade pública e de calidade, tanto na Atención Primaria como na Hospitalaria. A manifestación sairá ás 12 da mañá da Alameda de Santiago e está previsto que remate na Praza do Obradoiro.

A CIG, que fai parte da Plataforma, anima a toda poboación galega a expresar o seu malestar contra esta carencia de recursos asistenciais que vulnera o dereito á saúde e o dereito a unha asistencia pública e de calidade, con independencia do lugar de residencia. 

A marcha arrincará da Alameda ás 12:00 horas e rematará na praza do Obradoiro

O compromiso coa sanidade demóstrase apostando polo sistema público nos orzamentos, dedicando os cartos a reforzar a rede pública e non a incrementar os beneficios das empresas da sanidade privada. Por iso, o lema elixido pola Plataforma para esta mobilización é “Máis Atención Primaria, Atención Hospitalaria e sanidade pública”.

Atención Primaria

Algunhas das reivindicacións máis urxentes refírense a termos centros de saúde e PAC dotados persoal suficiente de todas as categorías, ben equipados, accesíbeis en 24-48 horas máximo, con consultas presenciais a solicitude das persoas doentes, e reorientar a Atención Primaria a promoción, prevención, traballo comunitario e a participación social.

Así mesmo, garantir o modelo de Atención primaria con especialistas de pediatría nos centros de saúde. Reforzar a capacidade da Atención Primaria de dar resposta aos problemas de saúde mental coa presenza da psicoloxía clínica.

Atención Hospitalaria

Neste ámbito reclámase a utilización plena dos recursos instalados en hospitais mañá e tarde; recuperar os recortes nos hospitais comarcais; acabar coa política de concertación coa privada; a restitución ao sistema público dos centros privatizados; plans para reducir listas de espera e a rematar coa ocultación destas; reforzar as unidades de saúde mental tanto de persoas adultas como infanto-xuvenil; acabar coa precariedade laboral do persoal; e esixencia da dedicación exclusiva ao persoal médico.

Xunto a isto, cómpre incrementar o orzamento sanitario público; elaborar un Plan Galego de Saúde que adapte os recursos ás necesidades; recuperar os servizos privatizados e as áreas sanitarias pechadas; e potenciar a saúde pública para combater os riscos e as epidemias.