SOS Sanidade Pública chama a mobilizarse para esixir a “reconstrución” da área sanitaria de Vigo

Convoca unha manifestación este xoves 16 de xaneiro dende a Praza dos Cabalos ás 19:00 horas
Vigo - 13 Xan 2025

A Plataforma SOS Sanidade Pública da Área Sanitaria de Vigo anunciou hoxe a convocatoria dunha manifestación este xoves 16 de xaneiro para esixir a “reconstrución” da área sanitaria da comarca mediante a dotación dos recursos necesarios e reclamar responsabilidades políticas polo sobrecuste do hospital Álvaro Cunqueiro.

A marcha, que se celebrará precisamente baixo o lema ‘Reconstruír a área sanitaria de Vigo’ arrincará ás 19:00 da Praza dos Cabalos e rematará no cruce da rúa Urzaiz con Colón. Así o explicaron esta mañá en rolda de prensa responsábeis do colectivo que agrupa a distintas organizacións políticas, sociais, veciñais, profesionais e sindicais, entre elas a CIG.

O voceiro de SOS Sanidade e secretario nacional da CIG-Saúde, Manolo Moreira, sinalou durante a comparecencia diante dos medios de comunicación que a protesta ten como obxectivo demandar as medidas necesarias para “reconstruír” área sanitaria e dotala dos recursos humanos e materiais precisas para conseguir unha asistencia sanitaria 100% pública e de calidade e reclamar as responsabilidades políticas oportunas polas condicións da licitación e construción do hospital Álvaro Cunqueiro.

“O informe do Consello de Contas ratifica as denuncias que a Plataforma leva facendo desde que se confirmou este modelo de licitación e cuestiona a legalidade de determinados aspectos da licitación, polo que esiximos responsabilidades políticas por ter utilizado este procedemento de licitación e o cese inmediato das persoas responsábeis que continúen ocupando cargos de designación política na Administración ou nos seus organismos, axencias ou empresas públicas”.

Neste senso, censurou que estas políticas provocaron que o conxunto da cidadanía pague 470.469.422 euros de máis á sociedade concesionaria e haxa un hospital máis pequeno, que non responde ás necesidades da área sanitaria, “o que non pode quedar impune”. Como tampouco manter, e incluso aumentar, o negocio da sanidade privada.

“Coa construción do novo hospital non se lograron acadar os obxectivos fixados polo Plan funcional inicial, nin construción das estruturas necesarias de Atención hospitalaria, para poder atender ao 100% da cidadanía (de 2000 camas hospitalarias a un máximo de 1.366), nin no reforzamento da Atención Primaria (as consecuencias sufrímolas todos os días), nin na diminución do peso da sanidade privada”, enumerou Moreira.

Entre estas consecuencias, citou as listas de agarda para consultas, probas complementarias, exploracións e intervencións cirúrxicas; os servizos hospitalarios sen o cadro de persoal e espazos suficientes para dar resposta ás necesidades da cidadanía; a carteira de servizos incompleta para manter o negocio da sanidade privada; e saturación no servizo de urxencias en relación a un deseño insuficiente e a unha Atención Primaria debilitada.

Máis tamén as listas de agarda en Atención Primaria que superan en moitos casos os 10 ou 15 días, e moitas persoas sen profesional da medicina de familia ou da pediatría que poida atendelos; a sobrecarga de profesionais de enfermería, insuficientes para dar resposta á cronicidade e a dependencia con retraso no seguimento de patoloxías crónicas e dificultade para garantir atención de calidade a persoas dependentes; a dificultade para acceder ás consultas de Atención Primaria por ter persoal nas áreas administrativas insuficiente; ou o feito de que unha parte importante da veciñanza teña que ser atendida en Povisa, “cun concerto económico sen transparencia, e sen alternativa pública neste momento, para poder reverter esta situación”.

Medidas para reverter a situación

Diante disto, a Plataforma esixe reverter a concesión do novo hospital e recatar a concesión para o ámbito do Público. As seguintes medidas intentan restaurar o que o propio Consello de Contas constata que non se fixo, e que é a causa principal das consecuencias recollidas no punto anterior.

A ampliación do Álvaro Cunqueiro co que non se construíu no proxecto funcional do novo hospital de Vigo, de 1265 camas, para dar cabida á poboación de referencia de Povisa, coa construción dun edificio anexo ás velas, na que se restitúa o que se suprimiu: Coidados Mínimos con 148 Camas e 8581 metros cadrados (que se pode ampliar a máis camas), Unidade de Docencia e Investigación con 4744 m2, Rehabilitación con 2456 m2. Así como poñer a pleno rendemento as 422 camas do hospital Meixoeiro e o do Nicolas Peña.

Recuperación da Atención Primaria, con aumento da inversión, polo que é necesario analizar a situación de recursos, tanto humanos como estruturais, dos centros de saúde e dos Puntos de Atención Continuada (PAC).

Reordenación asistencial da área de Vigo, reivindicando un Centro de Alta Resolución (CAR) coas especialidades más demandadas pola poboación, no centro de Vigo, dado que a implantación do Álvaro Cunqueiro nos arrabaldes da cidade provocou un distanciamento dos recursos especializados da zona con maior poboación residente do municipio, nos espazos que quedan baleiros. Este CAR podería estar situado no antigo Centro de Especialidades da Dobrada, recuperando o seu uso asistencial.

Creación do Servizo de cirurxía Maxilo-Facial completo e funcional e dunha Unidade de Queimados no ámbito público para garantir que a sanidade pública poda dar este servizo na nosa área sanitaria.

Recuperar para o Álvaro Cunqueiro as 300.000 persoas usuarias de Pontevedra que tiñan este hospital como referencia para C. Torácica, C. Pediátrica, Hemodinámica, C. Cardíaca e Fecundación in Vitro e que foron asumidas pola área sanitaria de Santiago.

Integración de toda a actividade asistencial de Galaria no Sergas, algo que xa estaba previsto en 2009, e que o PP mantén como unha empresa pública.

Respecto ao Morrazo, construír o novo Centro de Alta Resolución (CAR) na Rúa, para a comarca do Morrazo, onde se localice o centro de especialidades con aquelas máis demandadas, e tamén o PAC de Atención Primaria. Xa existía un informe favorábel do Sergas para esa localización.

Ampliar o Centro de Saúde de Cangas, para o que é preciso retirar o PAC e instalalo no novo CAR que se cree na parcela da Rúa.

Construír un novo centro de saúde no Hío que dea cobertura a esta parroquia e á de Aldán, tal e como estaba previsto en 2008.

E garantir o incremento da inversión en sanidade pública na area de Vigo para reforzar a atención hospitalaria e recuperar a Atención Primaria.