
SOS Sanidade Pública chama a mobilizarse o vindeiro 12 de xuño ante o “risco de colapso irreversible” da Atención Primaria

A Plataforma cidadá SOS Sanidade Pública anunciou hoxe a convocatoria de mobilizacións descentralizadas en toda Galiza para o vindeiro 12 de xuño, baixo o lema “Listas de Agarda. Máis transparencia. Máis recursos públicos”.
As concentracións desenvolveranse en múltiples localidades para denunciar o deterioro do sistema sanitario público galego, especialmente na atención primaria, e exixir á Xunta de Galiza un cambio radical nas políticas sanitarias porque, tal e como advertiu Manuel Martín, portavoz da plataforma, “a sanidade pública galega está en risco de colapso irreversible se non se actúa con urxencia”.
A situación da sanidade pública en Galiza é alarmante, segundo SOS Sanidade Pública. “A atención primaria, que debería ser próxima, accesible e resolutiva, está colapsada por listas de espera inaceptables, falta de persoal e recursos, e unha mala organización”, declarou Martín. Antes de 2008, as listas de espera na atención primaria eran practicamente inexistentes, pero hoxe a espera media en Galiza supera os 7 días, con centros de saúde que chegan a 15 días ou mesmo un mes. “Isto é un problema gravísimo para a poboación, que atopa barreiras para acceder a unha atención básica e esencial”, engadiu.

A atención hospitalaria tampouco escapa á crise. As listas de agarda para primeiras consultas de especialistas creceron un 15% desde 2019, cunha espera media de 60 días (un 19,3% máis). As probas diagnósticas, como resonancias ou TAC, aumentaron un 18%, con demoras de ata un ano nun 93% dos casos. As listas de espera cirúrxicas son especialmente preocupantes, cun incremento do 28% respecto a 2019, unha espera media de 76 días (17% superior) e demoras dun ano que se dispararon un 83%. “A Xunta prometeu melloras tras a pandemia, pero os datos demostran que imos a peor”, afirmou Martín.
Listas de agarda agochadas e privatización
Un dos aspectos máis graves denunciados por SOS Sanidade Pública é a existencia de listas de espera non estruturais, que non aparecen nos datos oficiais do Sergas e que afectan a máis do 30% das persoas en espera. “Estas listas ocultas inclúen pacientes que rexeitan ser derivados a centros privados concertados, que teñen menos recursos e profesionais menos formados, ou aqueles con patoloxías difíciles de catalogar, atrapados nun ‘buzón’ sen data de atención”, explicou Martín. Esta opacidade, segundo a plataforma, é unha estratexia deliberada para derivar pacientes á sanidade privada.
Neste sentido Martín advertiu que “as listas de espera son un instrumento utilizado polo goberno galego para desviar persoas á sanidade privada, debilitando o sistema público”. Consecuencia directa desta política sería, segundo SOS Sanidade Pública, o crecemento dos seguros privados complementarios, que xa contrata o 17% da poboación galega cun aumento anual do 4-5%.
Porén, tal e como denunciaron “os seguros de baixo custo, con primas de 9, 15 ou 30 euros, non resolven o problema, pois teñen listas de espera de ata 3 ou 4 meses para consultas especializadas”, asegurou o portavoz. Unha situación que a propia patronal dos seguros privados recoñece que se debe ao colapso do sistema público.
Impacto na poboación e no persoal
Tal e como explicaron, a crise da sanidade pública ten un impacto directo na saúde da poboación. “Cando unha cita urxente require esperar seis meses, pode supoñer a diferenza entre a vida e a morte”, advertiu Martín. Os tratamentos experimentais ou a cegas, aplicados en ausencia de diagnóstico, e a normalización dos “buzóns” agravan a situación. “Están xogando coas nosas vidas como se fósemos números, non persoas”, denunciou.
Os profesionais sanitarios tamén sofren as consecuencias. A falta de persoal e recursos, combinada coa presión para derivar pacientes á privada, leva a un “esgotamento profesional xeneralizado”. A Xunta culpa ao persoal facultativo e de enfermería das listas de espera, penalizándoos con recortes no complemento de produtividade variable, que representa o 5% do seu salario. Esta estratexia, sumada ás agresións ao persoal por parte de pacientes frustrados, “sitúa a traballadoras e traballadores na diana, cando o verdadeiro responsable é a Consellería de Sanidade”.
A plataforma denunciou tamén a discriminación que afecta a colectivos vulnerables. A poboación infantil enfróntase á falta de pediatras na atención primaria, con só a metade dos especialistas que había hai uns anos, e á ausencia dunha unidade específica de coidados paliativos pediátricos, un servizo dispoñible en poucas comunidades autónomas. As mulleres, especialmente as embarazadas e aquelas que precisan revisións de saúde, tamén atopan barreiras significativas. No rural, onde a dispersión poboacional é maior, os centros de saúde reducíronse a 60, fronte aos 1400 de Castela e León, afectando gravemente ás persoas maiores e con discapacidades.
Medidas urxentes
Diante desta situación, coas mobilizacións convocadas para o vindeiro día 12 de xuño demándanse medidas urxentes como o reforzo da atención primaria con máis persoal, recursos e unha organización eficiente, eliminando as listas de espera neste nivel ou a redución das listas de espera hospitalarias e transparencia nas listas non estruturais; a paralización das derivacións á sanidade privada e investimento no sistema público.
Xunto a isto exixe a creación de unidades especializadas, como coidados paliativos pediátricos, e mellora da atención no rural e a fin das penalizacións aos profesionais e medidas contra as agresións, porque “non podemos consentir que a nosa sanidade pública se converta nun sistema de beneficencia para os non rendibles, mentres a privada se lucra coa nosa saúde”, declarou Martín. “A loita pola sanidade pública é unha loita por unha sociedade xusta e igualitaria. Non pararemos ata conseguilo”, concluíu.