SOS Sanidade Pública chama a mobilizarse o 4 de febreiro en Compostela porque “outra sanidade pública é posible”
A Plataforma SOS Sanidade Pública vén de anunciar dúas convocatorias de mobilización. A primeira o vindeiro martes, día 19 de decembro, ás 12:00 horas, diante do Parlamento de Galiza, contra uns orzamentos que afondarán no deterioro da Atención Primaria, Hospitalaria e na xa crítica situación da atención á Saúde Mental. A segunda gran mobilización terá lugar o domingo día 4 de febreiro, tamén ás 12:00 horas, con saída da Alameda compostelá, porque "outra sanidade pública é posible".
SOS Sanidade Pública entende que os orzamentos presentados pola Consellería de Sanidade para o ano 2024 non responden as necesidades reais da Sanidade Pública e consolidan a situación actual de “debilitamento e privatización”.
Desde a plataforma advirten de que a cidadanía sabe que a situación da Atención Primaria é límite e que necesitaba un pulo importante para poder desenvolver as súas capacidades. Un pulo que “non aparece nos orzamentos presentados, que seguen a estar lonxe do obxectivo do 25% do orzamento total da sanidade Pública, quedando no 14%”, afirman.
Canda isto, denuncian que a Atención Hospitalaria segue arrastrando un importante problema de accesibilidade, con listas de agarda non publicadas. Nese sentido asegura que “só se publican as estruturais, o que ocasiona retrasos nos procesos, xa que os diagnósticos tardan máis en confirmarse e as intervencións cirúrxicas tardan en realizarse”.
A isto engade o grave problema de falta de profesionais nos hospitais, onde o persoal ten que atender a máis doentes ingresados que os que recomendan as sociedades científicas. “E a solución a estes problemas tampouco está nos orzamentos”, conclúen.
Saúde mental
As enfermidades relacionadas coa saúde mental son, segundo SOS Sanidade Pública, un problema emerxente na sociedade actual ao que “a Sanidade Pública non está a dar a resposta que se necesita”. Proba disto é, para as e os representantes da plataforma “o elevado número de psicofármacos que toma a nosa poboación, cando sabemos que hai alternativas mellores á resposta farmacolóxica, a única posible cando faltan profesionais”.
Por iso reclaman a presenza da Psicoloxía Clínica na Atención Primaria, mais “non dun xeito simbólico, senón como parte importante da resposta que ten que ofertar a Sanidade Pública ás persoas con problemas de Saúde Mental”.
Ante isto SOS Sanidade Pública insiste en que “non podemos asumir como normal esta situación da Sanidade Pública”. Lembran que as alternativas estaban recollidas na ILP sobre Atención Primaria presentada pola plataforma co apoio de máis de 50.000 sinaturas que o PP rexeitou.
Fronte a isto a plataforma chama a saír á rúa a reclamar outra sanidade pública e por iso convoca as mobilizacións do 19 de decembro, diante do Parlamento, e a manifestación do domingo día 4 de febreiro, ás 12:00 horas, con saída da Alameda compostelá.