SOS Sanidade Pública e comité de Povisa convocan manifestación este xoves contra a venda do hospital
A plataforma SOS Sanidade Pública e o comité de empresa de Povisa anunciaron hoxe a convocatoria dunha manifestación o vindeiro xoves 24 de outubro dende a Praza dos Cabalos ás 20:00 horas para rexeitar a venda do hospital a unha aseguradora estadounidense e reclamarlle á Consellaría de Sanidade que o centro médico para garantir a xestión pública dun recurso asistencial vital para a área viguesa.
Representantes de SOS Sanidade e da maioría do comité compareceron esta mañá en rolda de prensa no local da FAVEC para anunciar a mobilización e rexeitar a venda do hospital por unha contía mínima e denunciar a perda de oportunidade da Xunta de adquirir Povisa por 24 millóns de euros, “garantindo a xestión pública dun recurso asistencial vital para a área sanitaria de Vigo”.
Neste senso, entenden que a adquisición de Povisa por parte da Consellería de Sanidade permitiría garantir unha prestación sanitaria a toda a poboación da área sanitaria viguesa dende o sistema público “e facilitaría o seu desenvolvemento sen estar ao servizo dos intereses privados”.
Sinalaron que con esta compra a aseguradora estadounidense Centene, que pretende expandirse por todo o Estado, chega agora a Galiza. Ademais, a empresa Concessia, que xestiona o hospital Álvaro Cunqueiro, é socia de Centene, “polo que a atención hospitalaria quedará en mans dun monopolio empresarial”.
Ao mesmo tempo, criticaron que tras anos de chantaxear aos seus traballadores/as e ao Sergas con ameazas de peche, Povisa declarou perdas e vende “por un prezo de ganga” (24 millóns de euros) o hospital, a escola de enfermaría e as consultas anexas a unha transnacional estadounidense “que xa ten demostrado que utiliza a fórmula de despedir persoal e recortar calidade na atención sanitaria para garantir as súas ganancias”.
Sanidade galega en mans estadounidenses
Denuncian que coa autorización desta venda, o presidente da Xunta leva ao extremo en Vigo a súa política de poñer en mans estadounidenses os recursos sanitarios públicos de Galiza (o servizo de Cardioloxía do hospital Xeral de Galiza foille cedida á transnacional Medtronic, e a investigación hospitalaria á farmacéutica Johnson and Johnson).
Finalmente, sinalan que Ribera Salud e Centene son dúas empresas con antecedentes de realizar prácticas irregulares con fondos públicos. “Esta empresa chegou a recorrer ao embaixador americano para presionar á Comunidade Valenciana para que cesara no seu intento por recuperar o Hospital de Alzira para a sanidade pública; é de supoñer, por tanto, que haberá grandes dificultades para integrar a Povisa na sanidade pública ao finalizar o actual concerto dentro de catro anos”.
Por todo isto, fan un chamamento a toda a poboación da área sanitaria a sumarse á manifestación do xoves 24 de outubro que arrincará da Praza dos Cabalos ás 20:00 horas.