SOS Sanidade de Vigo convoca mobilizacións para esixir recursos que reduzan as listas de agarda
A plataforma reclama o reforzo da Atención Primaria, poñer a pleno rendemento os hospitais públicos e rematar coa derivación a centros privados
A plataforma SOS Sanidade Pública da Área Sanitaria de Vigo convoca unha concentración este venres 26 de xuño diante do MARCO ás 20:00 horas para esixir os recursos necesarios que permitan reducir as listas de agarda “insoportábeis” que acumula o sistema público. En concreto. En concreto, demandan un reforzamento da Atención Primaria, poñer a pleno rendemento os hospitais públicos e rematar coa derivación a centros privados.
Representantes dos distintos colectivos que fan parte de SOS Sanidade, entre eles a CIG, participaron o pasado venres na concentracións convocada diante do centro de saúde da rúa Rosalía de Castro para poñer de manifesto a situación da sanidade pública viguesa e anunciar a protesta do vindeiro venres.
O voceiro da plataforma, Manuel González Moreira, denunciou durante o acto que a política sanitaria do Sergas non foi quen de dotar o sistema dos recursos necesarios para atender o 100% da cidadanía dende o ámbito público, tal e como constata o propio Consello de Contas nun informe feito público o pasado 8 de abril.
“As listas de agarda son a consecuencia do déficit de recursos, das barreiras asistenciais na Atención Primaria, da mala xestión e baixa actividade dos hospitais públicos e da dobre dedicación de parte do persoal facultativo que traballa na pública e na privada”, enumerou Moreira. Ao mesmo tempo, advertiu de que as listas están “manipuladas e falsificadas” polo SERGAS, até o punto de que afirmou que se ocultan máis da terceira parte das persoas en espera.
Neste senso, asegurou que as esperas son maiores cas de antes da pandemia, “xerando, temor, incerteza, complicacións e mortes evitábeis”; ademais, “deterioran a imaxe da sanidade pública e favorecen as derivacións a centros privados e a contratación de seguros privados por parte da poboación”.
Polo que a plataforma SOS Sanidade Pública esixe incrementar os recursos da Atención Primaria, poñer a pleno rendemento os hospitais públicos e acabar coas derivacións a centros concertados.” Mais tamén a dedicación exclusiva do persoal sanitario, cumprindo a Lei de Incompatibilidades, e rematar coa manipulación das listas.